O secretario xeral sinala que “hai que quitar a máscara” a Feijóo, que “nin foi bo xestor nin tivo prioridade social”, tras a súa foto cos presidentes do PP que gobernan con Vox
O presidente do goberno asegura que o seu goberno “cumple con Galicia” no que atinxe á chegada do AVE e que “defenderá, apoyará y dará oportunidades” a comarcas como As Pontes
A Coruña, 26 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou hoxe á “dinámica de progreso” que existe en Galicia, como quedou patente nas últimas citas coas urnas, para construír a partir do vindeiro 10 de novembro un goberno progresista “sólido e con maioría suficiente”.
“Non podemos permitir non votar fronte ao risco que supón o pacto da dereita coa ultradereita. Cun Casado que non é competente, nin ten a formación que din os seus títulos, nin loita contra a corrupción do PP, e que vai ser o títere de Abascal”, sentenciou Gonzalo Caballero, consciente de que todo pode decidirse “por un voto”.
“Xogámonos o país que queremos para o futuro”, sinalou o líder dos socialistas galegos ante máis de 1.500 persoas nun mitin na Coruña en compañía do presidente do goberno, Pedro Sánchez, e puxo en valor “os avances sociais” conquistados en 14 meses de goberno do PSOE.
“O PP non subía as pensións e agora suben; o PP quitou o carácter universal da sanidade pública e agora hai sanidade para todos; o PP non desenvolvía o pacto de Estado contra a violencia machista e agora temos o feminismo por bandeira”, resaltou, e engadiu: “Tivo que chegar o PSOE para volver a poñer á cidadanía na axenda”.
Ademais, Gonzalo Caballero destacou que Pedro Sánchez “cumpriu” ao retirar ao ditador dun mausoleo concibido para a súa exaltación. “Era unha páxina pendente na historia do país e hoxe temos unha democracia máis perfecta”, celebrou o máximo dirixente do PSdeG.
“O CAMBIO POLÍTICO VAI CHEGAR”
En paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que “o mesmo que lle pasou a Rajoy en España vaille pasar a Feijóo en Galicia”, onde “vai chegar o cambio político” o ano que vén.
Ao fío disto, falou da foto que fixo onte Feijóo cos presidentes de Murcia, Andalucía e Madrid, onde o PP goberna con Vox. “Temos que quitar a máscara a Feijóo fronte á súa campaña de marketing”, apuntou, toda vez que “non foi bo xestor, posto que triplicou a débeda autonómica”, nin tivo “prioridade social” á vista das continuas mobilizacións en defensa da sanidade pública en todas as bisbarras galegas.
“Fai falta un novo goberno na Xunta”, proclamou o secretario xeral do PSdeG, crítico con que Feijóo quedou “descolocado” tralas “labazadas electorais” que está levando.
“Agora vai de mentira en mentira”, sinalou, en alusión á estratexia de que “todo lle parece mal” cando goberna Pedro Sánchez pese a que antes facía “chitón” ante o executivo de Mariano Rajoy. “Primeiro era o financiamento autonómico, pero o goberno socialista xa fixo as entregas a conta; despois a industria, e o goberno concedeu 42 millóns de euros ás industrias galegas…”, profundou.
O GOBERNO “CUMPLE CON GALICIA”
E, despois de que Gonzalo Caballero puxese en valor a estratexia de “transición ecolóxica xusta” do goberno de España, que permite loitar contra o cambio climático manténdose ao lado dos traballadores, Pedro Sánchez asegurou que o seu goberno “no dejará a nadie atrás”, sino que “defenderá, apoyará y dará oportunidades a las comarcas que están sufriendo el cambio de modelo energético”.
Do mesmo xeito, o presidente recalcou que o seu goberno “cumple con Galicia”, tamén no que atinxe á chegada da alta velocidade ferroviaria a esta comunidade. “Y dentro de poco estará Gonzalo como presidente para aprovechar el enorme caudal de oportunidades que representará el AVE para multiplicar la prosperidad y el progreso de esta tierra”, concluíu.
“UN GOBIERNO PROGRESISTA Y ESTABLE”
Ademais, Pedro Sánchez sinalou que “necesitamos un gobierno progresista coherente y estable” a partir do 10 de novembro porque “no son menores ni débiles los desafíos y amenazas que tiene España”, como o arrefriamento da economía, o Brexit ou a cuestión de Cataluña.
“Las grandes amenazas y desafíos exigen un gobierno fuerte, y el único partido que puede garantizar un gobierno fuerte es el PSOE”, esgrimiu, para chamar a todos a “unirnos en torno a la única fuerza serena que garantiza la convivencia, la concordia, la paz y la libertad”.
Canto ás eleccións, lamentou que “se ha impuesto el bloqueo” al “manipular el voto” da maioría da cidadanía que apoiou ao PSOE. Iso si, deixou claro que “el bloqueo es un callejón sin salida del que se sale votando de manera mayoritaria” ao PSOE o vindeiro 10 de novembro.
“NON QUEREMOS ESA ESPAÑA GRIS”
A encargada de abrir o acto foi a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen tivo palabras de lembranza para a histórica militante Pilar Valiño, falecida recentemente, quen asegurou tamén que o 10 de novembro decidimos se queremos “volver a aqueles que non cren na igualdade de dereitos, na España plural e nos servizos públicos”.
E, tras dar por feito que “o PSOE volverá gañar as eleccións” xerais, a rexedora da cidade herculina prognosticou tamén que Gonzalo Caballero será presidente da Xunta o vindeiro ano.
Pola súa banda, Pablo Arangüena, número dous ao Congreso pola Coruña, recalcou que “necesitamos un goberno socialista” que representa “o progreso, a luz, a razón, o humanismo e o futuro” fronte a quen simboliza “a sen razón, a escuridade, o pasado”.
“Non podemos permitir un goberno condicionado pola ultradereita, pola negación dos dereitos e liberdades que tanto tardamos en acadar”, incidiu Arangüena, crítico con aqueles que queren “restar dereitos, restar liberdades e restar futuro” pese ao “sarcasmo” de que se queiran facer chamar “España suma”.
“Temos que dicir co noso voto que non queremos esa España gris e rancia”, continuou o tamén vicesecretario xeral do PSdeG, partidario de contar “cunha axenda social” e de facelo tamén en Galicia o ano próximo con Gonzalo Caballero á fronte da Xunta.