O candidato socialista amosa a súa “plena sintonía” co alcalde do Barco, a quen ve “un interlocutor para defender a provincia”
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou hoxe O Barco en compañía do alcalde, Alfredo García, a quen lle trasladou que un goberno progresista na Xunta atenderá as necesidades de Valdeorras”.
No transcurso da xuntanza, o líder socialista abordou con Alfredo García o traballo posto en marcha por este concello durante a crise da covid, que foi “unha referencia”. “As políticas sociais funcionaron a pleno rendemento para protexer á cidadanía”, destacou Gonzalo Caballero.
Pola súa banda, o rexedor sinalou que unha Xunta presidida por Gonzalo Caballero a partir do vindeiro 12 de xullo traballará “en sintonía” coas políticas desenvolvidas dende O Barco de Valdeorras.
Ademais, Alfredo García trasladou a Gonzalo Caballero a importancia de abordar a restauración das escombreras das pizarreras seguindo criterios medioambientais. Ao respecto, Gonzalo Caballero asumiu a relevancia de buscar mecanismos que fomenten a actividade industrial e o emprego cumprindo a normativa.
A maiores, o máximo dirixente do PSdeG comprometeuse co sector vitivinícola a impulsar plans de comercialización para os bodegueiros, así como a adoptar medidas que permitan recoller a uva e evitar así que se perda a produción deste ano. Trátase, por tanto, de asegurar os ingresos dos produtores.