O dirixente socialista avanza que recollerá “novos dereitos e liberdades” que non se contemplaban no Estatuto do 81, como o que atinxe á “revolución feminista”, á igualdade, aos servizos públicos ou á dixitalización
O secretario xeral subliña que “Galicia debe asumir o reto de actualizar o seu estatuto” e aposta por afondar no autogoberno fronte a un PP que non acadou novas competencias en 12 anos e á “vía Junqueras que non trae nada positivo para os galegos e as galegas”
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometeuse hoxe a “traballar con intensidade” para, ao longo dos vindeiros meses, presentar unha carta de cidadanía galega que sirva como base “dun Estatuto de Autonomía para o século XXI”.
Logo de afondar na importancia de actualizar o texto estatutario na ofrenda floral que os e as socialistas galegos realizan cada ano ante o busto de Castelao para celebrar o 25 de Xullo, este luns Gonzalo Caballero reivindicou “o mesmo compromiso” por parte do PSdeG que o que hai 40 anos evitou “a aldraxe” de que Galicia non figurara entre as comunidades “de primeira” cun estatuto rebaixado.
“Estamos preparados para, cando pase a pandemia, abordar a actualización do Estatuto do 81 pensando nos galegos e nas galegas do século XXI”, recalcou o líder do PSdeG logo asegurar que “nós traballamos en Galicia, por Galicia e para Galicia”.
Así pois, esa carta de cidadanía que comprometeu, garantirá “novos dereitos e liberdades” que non se contemplaban no Estatuto do 81, como o que atinxe á “revolución feminista”, á igualdade, á dixitalización e a sociedade do coñecemento, ou á necesidade de fixar un determinado nivel de servizos públicos para a cidadanía en cada concello.
Trátase, como explicou Gonzalo Caballero, de que o novo Estatuto de Autonomía “conecte” coas novas xeracións de galegos e galegas, hoxe nunha situación totalmente diferente á que se vivía no ano 81.
Precisamente por iso, 40 anos despois da aprobación daquel texto -argumentou- “Galicia debe asumir o reto de actualizar o seu estatuto”, como fixeron xa “moitas comunidades”. “E nós imos traballar, dende un galeguismo integrador e cívico, para ser a ponte cara esa nova etapa”, incidiu.
“Non é momento de estar de brazos caídos”, reflexionou o máximo responsable do PSdeG, consciente de que o PP “erra” ao non acadar nin unha soa competencia nos 12 anos de Feijóo á fronte da Xunta e de que “a vía Junqueras que secunda o nacionalismo galego non trae nada positivo para os galegos e as galegas”.
“Non nos agrada o conservadorismo do PP, pero tampouco nos satisfai ver ao nacionalismo galego detrás de Junqueras”, concluíu, ao tempo que garantiu que “nós seguiremos traballando polos dereitos dos galegos e das galegas”.
LEI DE SAÚDE
Ademais, na súa comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero destacou unha vez máis o “éxito” da campaña de vacinación contra a covid do goberno de España fronte aos “recelos” que amosaban Feijóo e o resto do PP e mentres o nacionalismo galego apostaba por incorporar vacinas cubanas, chinas e rusas.
Neste escenario, requiriu á Xunta que aclare “que pasou” cos 6.000 mozos e mozas que conseguiron acceder a unha dose antes de que se iniciara a súa quenda “de forma sorpresiva”.
E, a maiores, sinalou a Feijóo que as solucións que require a sanidade pública “non é un ataque á Constitución”, senón o seu “reforzo” con máis persoal. para aliviar as listas de espera e que non se pechen camas de hospital.
Así o dixo logo de apuntar que o Tribunal Constitucional apreciou “lagoas” no texto da lei de saúde, que mantén suspendida en certos puntos. “Feijóo, que se di tan constitucionalista, tivo que ser freado. Que rectifique”, finalizou.