O candidato socialista anuncia un paquete de medidas para desenvolver o Banco de Terras, frear a caída dos prezos do leite, impulsar a cadea de produción do ciclo do leite e impulsar a innovación e a investigación
Mesía, 22 de xuño de 2020. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeu hoxe unha “aposta clara polo sector lácteo e a gandería do noso país” para poñer freo á continua redución de explotacións dos últimos 11 anos. Así o dixo na visita á empresa láctea Casa Grande de Xanceda, en Mesía, acompañado polo alcalde da vila, Mariano Iglesias.
O responsable socialista desenvolveu hoxe o seu proxecto para “abrir un novo tempo de impulso á fronte da Xunta” para o sector lácteo, co obxectivo de “acadar un produto de calidade, de referencia galega, que poida facerse con espazo nos mercados, complementario coa competencia en prezo con produtos de máis valor engadido”.
Caballero anunciou un paquete de medidas para o sector lácteo dirixidas en primeiro lugar a desenvolver o Banco de Terras, que “evite a sempre pendente cuestión de loitar contra os custes en función dos tamaños das explotacións”. Apostou por implantar unha “discriminación positiva” dende o goberno da Xunta que permita mobilizar a “moita terra dispoñible” e evitar as dificultades do “histórico minifundismo”.
O tamén secretario xeral do PSdeG propuxo ademais “traballar co goberno de España e as diferentes institucións para conseguir que o prezo do leite en orixe deixe de estar á cola de España, reducindo a fenda entre o prezo inicial e o prezo de mercado”. Sinalou que os produtores galegos merecen percibir “os maiores fondos posibles que se pagan na comercialización”.
Advertiu que o prezo do leite de Galicia atópase “á cola do Estado”, prexudicando aos gandeiros ao reducir a produtividade das explotacións e provocando o abandono masivo desta actividade dende o ano 2009.
Así pois, Gonzalo Caballero explicou que estas medidas deben ir acompañadas por “unha política que acompañe ao sector gandeiro en todos os ámbitos, desenvolvendo vías de innovación e investigación” que permitan xerar novos produtos e impulsar a industria transformadora para dotar ao lácteo dun valor engadido fundamental.
O candidato socialista asumiu hoxe o compromiso de “gobernar Galicia contando co sector gandeiro, e concretamente co lácteo”, para “facer que a cadea de produción incorpore novos produtos e permita ao sector gañar en ingresos a través de mecanismos de diferenciación, calidade e innovación” co apoio á industria transformadora.
Unha aposta, explicou, que “pódese facer en Galicia coa participación de altos profesionais, de recursos humanos cualificados, e coa participación imprescindible do sector”.
“PRODUTO GALEGO DE CALIDADE”
Gonzalo Caballero puxo a explotación Casa Grande de Xanceda, no Concello de Mesía, como exemplo de explotación capaz de ofrecer un produto diferenciado de calidade cun compoñente ecolóxico “que marca a referencia na súa calidade de concepción, ademais dunha referencia nos mercados, e que pode competir en prezo e calidade”.
Trátase, engadiu o líder socialista, dun “exemplo magnífico dun produto galego de calidade, que desenvolve toda a cadea de produción nunha mesma granxa ecolóxica”.