O líder do PSdeG lamenta que Feijóo “non deu respostas” fronte aos retos desta lexislatura e critica un proxecto “sen impulso, sen contido” no que repite medidas “que xa prometeu hai catro anos”
O voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou que, “tras dúas horas de discurso” de Feijóo, “as galegas e galegos non teñan ningún tipo de proposta concreta, nin liñas de acción desde a Xunta” para afrontar a que vai ser unha lexislatura “moi complexa” ante os retos da covid.
Así pois, despois de lembrar que o Grupo Socialista propuxo onte a creación dunha comisión parlamentaria para a reconstrución, Gonzalo Caballero comprometeuse a “encher de contido” este órgano para suplir “o baleiro de ideas do candidato á presidencia”.
“Plantexaremos propostas concretas e medidas reais”, destacou o líder socialista, crítico co feito de que hoxe o candidato á presidencia carecera de propostas e repetira no seu discurso medidas “que xa prometeu hai catro anos”, como a construción dunha residencia en cada cidade, e nas que “non deu respostas” aos problemas da cidadanía.
“Unha situación tan complexa como a actual necesita empatía por parte de quen vai presidir Galicia”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que a cidadanía hoxe está “desorientada, temerosa e preocupada” pola situación sanitaria, o emprego ou o inicio do curso escolar.
“A LEXISLATURA DO SOCIAL”
Precisamente por iso, o máximo dirixente do PSdeG lamentou que Feijóo se amosase como un candidato “sen impulso e con desleixo das súas responsabilidades”. Neste escenario, tendeu a man “para aportar e contribuír” de cara á saída da crise, pero advertiu da necesidade de que o PP “rectifique” as políticas que puxo en marcha ata o de agora.
“Necesitamos outro enfoque que priorice ás persoas e que faga da prioridade social a bandeira do goberno de Galicia”, reivindicou Gonzalo Caballero, para quen esta ten que ser “a lexislatura do social e do compromiso coa Galicia das oportunidades”. “Buscaremos acordos e diálogo, e seremos firmes na defensa dos servizos públicos e da poboación máis vulnerable”, remarcou.
“Seremos -dixo o voceiro socialista- unha oposición responsable que traballará para os grandes acordos”, pero “seguiremos en contra das receitas conservadoras e de recortes públicos” que supoñan “abandonar á cidadanía”.