O secretario xeral do PSdeG recrimina a Feijóo que “se poña de perfil” ante os problemas industriais e esíxelle que “se poña a colaborar co goberno e cos traballadores”
Censura o “abandono” de Feijóo da área sanitaria de Vigo e urxe mecanismos que garantan a calidade na atención dos pacientes e o respecto aos profesionais de Povisa
Vigo, 2 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Conxemar, “unha feira de referencia internacional” no eido pesqueiro, e garantiu que se sae elixido presidente da Xunta esta cita terá “todo o apoio” do seu goberno para que “siga sendo punteira”.
“Queremos amosar todo o noso respaldo a esta feira”, manifestou o líder dos socialistas galegos, consciente de que se trata dun evento que “pon a Galicia no primeiro nivel dentro do escenario internacional da pesca”. “No lugar que nos corresponde”, engadiu.
É por iso que o tamén candidato socialista á Presidencia da Xunta sinalou que o seu goberno será “o mellor compromiso para a pesca e as industrias pesqueiras”, así como para a propia organización de Conxemar, pois garantirá que poida contar con “máis espazos” e “mellores accesos e infraestruturas”.
“Conxemar é unha aposta vital para o futuro”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen incidiu en que, cun goberno socialista á fronte da Xunta, se traballará nos asuntos que “merman a competencia da feira”, como os colapsos de tráfico que se producen estes días na entrada do Ifevi, os problemas de aparcamento e a ampliación do recinto, aos que Feijóo non dá solución.
INDUSTRIA
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG lamentou que Feijóo “está ausente” da política industrial e recriminoulle que “se poña de perfil” no canto de actuar. “Ponse de espectador e non asume ningunha responsabilidade”, reprobou, antes de esixirlle que “se involucre” nos problemas industriais de Galicia.
“Cando hai dificultades, a Xunta ten que pular pola nosa industria”, sinalou, toda vez que o Estatuto de Autonomía confire ao goberno galego as competencias en materia industrial. “Feijóo ten que deixar a confrontación e poñerse do lado do goberno e dos traballadores”, recalcou Gonzalo Caballero.
En concreto, ante a situación que atravesa o estaleiro Barreras, indicou que “amosa o erro de Feijóo na estratexia industrial”. “Falta planificación: Feijóo acadou acordos para vender fume, e nada se cumpriu”, sentenciou Gonzalo Caballero sobre os acordos da Xunta con Pemex.
De feito, o líder dos socialistas galegos apuntou que “a foto que sacou Feijóo” dos acordos de Pemex para Barreras “xa non representa nada”. “Hai que resetear a situación do estaleiro en contacto coas novas autoridades mexicanas para sacar adiante o problema”, urxiu.
POVISA
Por último, acerca da situación xerada en Povisa a raíz da súa venta, Gonzalo Caballero recordou “o suspenso continuado de Feijóo en materia sanitaria”, un asunto que os galegos sinalan como “unha das súas tres principais preocupacións”.
Por iso, reclamou que a Xunta garanta a calidade asistencial aos pacientes asignados a este hospital privado, así como as condicións laborais dos profesionais do centro. “Ante calquera movemento, hai que buscar todos os mecanismos que garantan a prioridade no público”, explicitou.
Ademais, proseguiu, na área viguesa “é un reto” a afrontar “tralo abandono de Feijóo da sanidade pública” nesta zona. “Non pode permitir agora unha deriva que poña en risco as condicións laborais dos traballadores ou a calidade asistencial”, concluíu.