Lembra que o ano pasado “fracasou a estratexia da Feijóo de ‘salvar o Nadal’ e logo tivemos que sufrir duras restricións no mes de xaneiro”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á Xunta a manter a todo o persoal sanitario contratado no Sergas ante os retos da vacinación e os riscos da sexta onda.
“O ano pasado fracasou a estratexia de Feijóo de ‘Salvar o Nadal’ e logo os galegos e galegas tivemos que sufrir duras restricións no mes de xaneiro” polo incremento de contaxios rexistrado, lembrou o dirixente socialista, polo que este ano “a Xunta ten que establecer protocolos axeitados; pero, á vez, é imprescindible manter a todo o persoal sanitario contratado” no Sergas para poder afrontar a situación actual.
É preciso, incidiu, “seguir vacinado a terceira dose aos maiores” para que estean vacinados coa dose de reforzo “canto antes” e “evitar riscos”, “estar preparados para vacinar a nenos e nenas” de 6 a 12 anos, e tamén “facer fronte á sexta onda” da covid na que xa estamos inmersos.
Neste sentido, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á cidadanía galega á “prudencia” cando “os casos activos de covid continúan á alza” e xa pasan a barreira dos 4.000 en Galicia.
“Os datos dos últimos días son preocupantes, polo que entre todos e todas debemos continuar coas medidas existentes e non podemos baixar a garda para evitar retroceder, especialmente cando nos atopamos ás portas do Nadal o que suporá máis xuntanzas sociais con familia e amigos”, concluíu o voceiro socialista.