O voceiro parlamentario socialista reúnese co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e incide en que os fondos europeos teñen que chegar ao sector agrogandeiro: “unha oportunidade que non podemos desaproveitar”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, trala cal reclamou á Xunta que aproveite “a oportunidade que ofrecen os fondos europeos” para impulsar o medio rural galego e para “pasar páxina ao abandono e ao esquecemento” ao que o tivo sometido nos últimos anos.
“Se queremos ter una reactivación real en Galicia”, subliñou Gonzalo Caballero, “cómpre que, dende xa, teñamos unha nova política de medio rural que permita apostar polo sector agrogandeiro, pola xente que vive en concellos pequenos e de interior e tamén para coidar o territorio e posibilitar a vida de todos os seus habitantes”.
Do mesmo xeito, Caballero reiterou o claro compromiso do PSdeG co fortalecemento do sector primario e agrogandeiro. Tamén enfatizou que “queremos seguir pegados ás propostas de UU.AA. como organización de referencia para nós en todo o ámbito do agro galego e do mundo rural”.
Nesta liña, indicou que “o Partido Socialista sabe que a aposta polo medio rural é unha cuestión clave para vertebrar territorialmente Galicia, para dar posibilidades económicas a centos de miles de galegos e galegas e para traballar por unha Galicia de prosperidade a carón dos sectores produtivos e das necesidades da xente”.
O voceiro parlamentario do PSdeG exemplificou este compromiso nas modificacións na Lei da cadea alimentaria, que se está a tramitar, e que permite “avanzar para garantir que non se poidan vender produtos por debaixo dos custes de produción”. Trátase de algo “fundamental para o sector gandeiro e lácteo, onde temos que tomar todas as medidas para conseguir darlles ingresos suficientes e posibilidades de vida digna”, sinalou.
En paralelo, tamén salientou que o goberno de España posibilita que a Galicia cheguen máis de cinco millóns de euros para compensar os danos provocados polo lobo, de xeito que o sector poida ter pervivencia e non resulte danado dunha maneira irreparable no económico. “Estamos cos dandeiros, e esta é”, defendeu, “a liña na que hai que traballar”.
Fronte a este claro compromiso, Gonzalo Caballero lembrou que “a Xunta prometía que a pasada lexislatura ía ser a do rural” e, por contra, “abandonouno”. Como evidencia desta situación, o voceiro do PSdeG recordou “os recortes dos servizos públicos, o peche de sedes bancarias no rural, a falta dunha aposta polo desenvolvemento do rural en Galicia e o abandono no sector agrario e gandeiro e na súa cadea de produción”.
Por iso, tras pasar o peor da pandemia, Gonzalo Cabalero avogou por “marcar un novo tempo para as políticas do medio rural” e “non perder a oportunidade da reactivación tampouco no eido rural e agrogandeiro”.
Nesta liña, sinalou que “é necesario que a Xunta aposte polo medio rural e que haxa un compromiso claro con toda a cadea de produción do sector primario en Galicia”. Iso, afirmou, “é fundamental para acadar una vertebración territorial que permita que non haxa galegos de primeira e de segunda”.
ROBERTO GARCÍA
Pola súa banda, o secretario xeral de Unións Agrarias agradeceulle a Gonzalo Caballero un encontro “no que se lle trasladaron problemas que nos preocupan e que urxen solución”
Así, fixo referencia ao “incremento brutal nos custes de produción no conxunto do sector gandeiro” e ás “serias dificultades para trasladar eses custes á factura da venda dos nosos animais”. Nun contexto de “abuso de poder da distribución e a industria”, avogou por tomar medidas para “modificar esa situación”.
Tamén mencionou a “incertidume no sector gandeiro en extensivo coa problemática do lobo”. Neste caso, criticou que a Xunta aproveite o novo escenario “para desmantelar todo o sistema de indemnización e pago” xusto cando o goberno central vén de meter en orzamentos case seis millóns de euros para Galicia. Así, laiouse de que “habendo dez veces máis cartos que antes, os gandeiros atópanse con que non van cobrar una soa peseta”.
Ademais, Roberto García tamén xulgou “positivamente” as modificacións na Lei de cadena alimentaria, que entra o luns no Senado.