O líder do PSdeG subliña o “gran sablazo” de Aznar aos galegos e galegas, xa que “se non fose por esa decisión, estariamos a piques de circular pola AP-9 sen custe”
O secretario xeral destaca a rebaixa histórica das peaxes da AP-9 cun goberno progresista e reivindica “dúas formas moi distintas de facer política”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe o “escapismo” de Feijóo no que atinxe á AP-9, toda vez que “foi o goberno de Aznar en 2003 o que decidiu privatizar Audasa e concederlle unha prórroga extraordinaria da concesión ata 2048”.
“Feijóo quere lavarse a cara cando foi o PP o que privatizou Audasa e o que lle meteu 25 anos máis de concesión para facer caixa”, sentenciou o dirixente socialista, consciente de que esta decisión supuxo “un gran sablazo” para os galegos e as galegas.
E é que, como dixo Gonzalo Caballero, “se non fose por esa decisión, estariamos a piques de poder circular por esta vía sen ningún custe”, ao igual que noutras autoestradas da mesma época nas que “se están levantando as peaxes” porque rematou a concesión.
Por iso, advertiu o responsable do PSdeG, “Feijóo non pode facer a estratexia do avestruz” nin “escapar das súas responsabilidades” cando a Comisión Europea “vén de dicir que as prórrogas da concesión da AP-9 tiñan que ser sometidas a concurso público” e “detecta que prorrogar concesións implica unha falla de competencia, polo que podería estar incorréndose nun proceso ilegal”.
REBAIXA HISTÓRICA
Fronte a este xeito de actuar dos gobernos do PP, Gonzalo Caballero puxo en valor que “foi o goberno de Pedro Sánchez o que fixo unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9, mentres PP e BNG votaron en contra dos Orzamentos Xerais do Estado que permitiron ese avance”.
Isto amosa, evidenciou o líder do PSdeG, “dúas formas moi distintas de facer política, de xestionar o público e de traballar polos galegos e as galegas”.
Neste senso, Gonzalo Caballero reivindicou o traballo das e dos socialistas galegos, que “conseguimos que, ao longo deste ano, teñamos unha rebaixa histórica” e “unha circulación que implica menores custes e que non supón cargas abusivas para os petos da cidadanía”.
De feito, recordou que a rebaixa está en vigor “dende o mes de xullo” en virtude dun “investimento público” de 2.300 millóns de euros que executou un goberno progresista.
Ao fío disto, o líder das e dos socialistas galegos lembrou que a súa primeira xuntanza cun membro do goberno de Pedro Sánchez despois da súa chegada á Moncloa foi, precisamente, co daquela ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para abordar a forma de abaratar os custes que supoñía para os galegos e galegas circular pola AP-9.