O secretario xeral do PSdeG sinala que “todos queremos máis vacinas e debemos recoñecer que Galicia foi das comunidades que máis vacinas recibiu de toda España”
O líder do PSdeG visita Carballiño “no seu día grande” xunto ao alcalde Paco Fumega para respaldar a Festa do Polbo “con renome internacional”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe O Carballiño “no seu día grande”, xunto ao alcalde Paco Fumega e outros representantes socialistas.
Dende alí, o dirixente socialista criticou a estratexia de confrontación “estéril, mesquiña e desleal” de Feijóo coas vacinas cando Galicia “está liderando a vacinación con máis do 70% da cidadanía galega inoculada”.
“Galicia foi unha das comunidades que recibiu mais vacinas ao longo deste ano” porque temos “unha poboación mais envellecida e iso fíxonos prioritarios”, argumentou o líder do PSdeG, logo de instar á Xunta a que sexa “responsable” e entenda que “a lealdade e a cooperación son a mellor forma de conseguir facer fronte aos retos da vacinación”.
“Todas as comunidades queremos ter o máximo número de vacinas posibles”, sinalou, pero non se pode caer na política de “confrontación mesquiña e patética” que “utiliza o PP tentando dicir que se rouban vacinas a Galicia cando máis do 70% dos galegos e galegas xa estamos vacinados e imos seguir avanzando” grazas á estratexia de vacinación do goberno de España.
Por todo isto, Gonzalo Caballero pediu a Feijóo, “quen di defender a Constitución e a España, que teña vontade construtiva e defenda, como defendo eu, os intereses dos galegos e galegas”, a través da “cooperación co conxunto de España” para a vacinación.
“O PP NON QUERE FALAR DOS PROBLEMAS DA SANIDADE PÚBLICA”
Ao fío disto, o líder do PSdeG incidiu en que “o PP non quere falar dos problemas da Atención Primaria e da sanidade publica” logo de lembrar que este verán en Galicia pecharon 600 camas hospitalarias e cando “hai que agardar 18 días máis que antes da pandemia para ser operado ou 8 días máis para ser atendido por un especialista”.
Ademais, sinalou que o Colexio de Médicos de Pontevedra denunciou á Xunta pola “saturación” da Atención Primaria e “o propio conselleiro de Sanidade dixo que a situación é preocupante”. “O que ten que facer o PP é corrixir as eivas da sanidade, fortalecela e sacar prazas estables para persoal sanitario”, sentenciou.
Por último, Gonzalo Caballero lembrou que Feijóo cometeu un “erro continuo” con respecto ao proceso de vacinación “cando en outubro do ano pasado dicía que non ía haber vacinas en Galicia ata o segundo trimestre de 2021” e, tempo despois vimos como “nese momento, en Galicia había máis da metade da poboación vacinada”.
A FESTA POLBO DO CARBALLIÑO
No eido local, o secretario xeral do PSdeG reivindicou a Festa do Polbo do Carballiño que, grazas á “magnífica xestión do goberno municipal” encabezado por Paco Fumega, puido ser “adaptada ás novas circunstancias” da covid.
Neste senso, destacou que malia “non poder ter a presencia multitudinaria nin os plantexamentos habituais doutros anos”, a festa “con renome internacional” segue a ter un gran “atractivo”. Malia isto, incidiu a importancia de ser “prudentes” e cumprir “todos os protocolos”, pero seguir “levando a cabo actividades” que poidan impulsar a hostalería ou o turismo. “Ten que ser o verán da reactivación”, sentenciou.
Doutra banda, o alcalde do Carballiño, Paco Fumega, sinalou a importancia do proceso de vacinación “porque así para o ano que vén poderemos ter unha festa completa”.
Por último, o rexedor subliñou que o goberno local achegou máis de 800.000 euros das arcas municipais en axudas “para botarlle unha man” a hostalería e comercio durante a pandemia e convidou aos visitantes a comer polbo “a esgalla” porque “nesta festa vainos moito aos veciños do Carballiño”.