O líder do PSdeG chama a “seguir traballando” pola “reparación da memoria e a dignidade das vítimas da ditadura” e recorda que a Casa Cornide tamén foi obtida pola familia Franco en condicións “forzadas”
Santiago, 2 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou hoxe a decisión da Xustiza de ordenar á familia Franco a devolver ao patrimonio público o Pazo do Meirás, a instancias da demanda interposta polo goberno de España.
Deste xeito, o líder do PSdeG puxo en valor “o innegable compromiso” do goberno socialista coa memoria histórica, que se plasmou en cuestións de tanta relevancia como a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos ou “o sólido traballo xurídico” para reverter a propiedade do Pazo de Meirás.
Dende a presentación da demanda por parte do goberno de España para recuperar o inmoble que fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán, Gonzalo Caballero mantivera varias xuntanzas co director xeral de Memoria Histórica, Fernando Martínez, para interesarse pola marcha dos traballos xurídicos.
Agora, trala sentenza favorable, o máximo dirixente dos socialistas galegos destacou que este goberno é “unha referencia” no que atinxe á recuperación da memoria histórica e da dignidade das vítimas a través dun traballo “rigoroso”.
Na súa última xuntanza co director xeral de Memoria Histórica, Gonzalo Caballero transmitiulle ademais a necesidade de recuperar distintos bens que pasaron a mans da familia Franco durante a ditadura “en condicións forzadas”, como é a Casa Cornide, na Coruña.
“Temos que seguir traballando para avanzar na construción dun país que repare a memoria e a dignidade das vítimas da ditadura”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.