O líder dos socialistas galegos critica que Galicia segue sendo a terceira comunidade pola cola na vacinación de maiores de 80 anos mentres Feijóo impulsa unha lei de saúde anticonstitucional
No 90 aniversario da proclamación da II República, Caballero defende os valores democráticos e republicanos e pide respecto ao PP cara quen a defenderon coa súa vida
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, propúxolle hoxe ao presidente da Xunta no Parlamento un “gran acordo de país para fortalecer o proceso de vacinación”, logo de constatar que Galicia é a terceira autonomía con menor porcentaxe de maiores de 80 anos vacinados, só por diante de Madrid e Canarias.
O líder dos socialistas galegos presentou os datos feitos públicos onte mesmo, que revelan o “fracaso relativo” da vacinación en Galicia, con 170.000 vacinas sen subministrar. Comparou a situación dos maiores de 80 con respecto a outras autonomías que xa teñen a todas as persoas desta franxa de idade vacinadas, mentres Galicia aínda ten 17.000 maiores agardando e cando aínda hai moitos máis maiores de 70 sen a primeira dose.
Ademais, Gonzalo Caballero criticou a “falla de respecto e de rigor” de Feijóo, que chegou a poñer en dúbida que as vacinas chegarían en xaneiro e que agora sinala que as vacinas non chegan por culpa do goberno de España, obviando que o executivo destinou máis de 1.000 millóns de eruros para adquirir unhas doses que son as autonomías as que as teñen que subministrar con “axilidade”.
De feito, o responsable do PSdeG explicou que o reparto priorizou inicialmente ás autonomías con máis persoal sanitario, así como agora prioriza a Galicia porque ten máis maiores de 80.
Neste escenario, e á vista de que a vacinación non só é “urxente” hoxe senón que “será unha necesidade permanente nos próximos anos”, Gonzalo Caballero apelou á urxencia de reforzar a atención primaria e o proceso de vacinación, toda vez que agora supón destinar 1.000 traballadores que están deixando sen atender as súas funcións habituais na sanidade pública.
ESTADO DE ALARMA
A maiores, o dirixente socialista emprazou ao presidente da Xunta a clarificar se estará de acordo con que non haxa estado de alarma a partir do 9 de maio, “ou vai facer o contrario do que di o goberno”. Aludiu así á decisión de Feijóo de primeiro criticar un estado de alarma que cualificaba de “demoledor” para salvar o Nadal e a Semana Santa, e agora criticar o anuncio da súa retirada.
Ao fío disto, Caballero criticou a “política de confrontación sen rumbo, de dicir b cando hai que facer a” por parte do goberno galego, que presentou unha Lei de saúde con “contido inconstitucional, que salta as competencias de Galicia para tentar impoñer a vacinación obrigatoria por parte das autonomías”. Sinalou que “só faltaría que agora os concellos do PP quixeran tamén aplicar normas contra os dereitos fundamentais”.
“Rectifique a súa Lei de saúde e asuma con lealdade os plantexamentos do goberno de España contra o virus porque a súa crítica ao estado de alarma é absurda e un erro: rectifique e acertará”, resumiu o líder dos socialistas galegos.
II REPÚBLICA
O secretario xeral do PSdeG comezou a súa intervención poñendo en valor a conmemoración dos 90 anos da II República e o traballo dos “homes e mulleres de Galicia” que garantiron un proceso de transformación e de extensión da democracia, da liderdade e da igualdade, e que permitiu a vía estatutaria para reforzar o autogoberno galego.
Subliñou o “respecto e apoio ao marco constitucional e estatutario” actual para poñer en valor o avance que implicou a II República e concluir cun “viva a República e os valores republicanos”. Ante os xestos da bancada do PP, reclamoulles que “se sumen ao aplauso” e ao “respecto a alcaldes como Emilio Martínez Garrido, Ánxel Casal e tantas persoas que perderon a vida” pola súa defensa dos valores democráticos.