O líder dos socialistas galegos preside a primeira xuntanza do Grupo Parlamentario para fixar as prioridades da nova Lexislatura
Denuncia a “inacción” da Xunta para consensuar os protocolos de seguridade de cara ao inicio do curso escolar e reclámalle por outra parte que “extreme as medidas de prevención contra incendios forestais”
O secretario xeral do PSdeG e deputado electo, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe unha “oposición leal pero contundente” centrada na “defensa fonda dos servizos públicos para saír desta crise sen que ninguén quede atrás”. Así o fixo antes da primeira reunión do novo Grupo Parlamentario no Parlamento de Galicia para fixar as principais liñas de acción de cara á nova Lexislatura.
O responsable socialista comprometeu un “traballo digno e responsable, acorde co proxecto e o plantexamento socialista traballando a carón das necesidades do país” e “coa humildade e a responsabilidade de traballar ao servizo dos galegos e das galegas”. Apostou por “fortalecer a necesidade do impulso progresista en Galicia” e “entendendo a mensaxe que trasladaron os 253.000 galegos e galegas que nos votaron o 12X”.
Gonzalo Caballero anunciou contundencia “en todo aquelo que faga perder dereitos e posibilidades á cidadanía galega” como parte da “oposición dende a responsabilidade en tempos da covid”, e anunciou “propostas en positivo, construtivas” para afrontar a crise co obxectivo de “saír máis unidos con políticas de progreso, defendendo os servizos públicos e o Estado do Benestar”.
Así o dixo antes dun encontro de tódolos parlamentarios electos socialistas previsto para hoxe pero ao que non puideron asistir os 3 parlamentarios de Ourense como medida preventiva antes de que se ratificara, horas despois, o negativo na covid dunha traballadora do PSdeG provincial que estivo en contacto cun positivo.
Educación
O líder dos socialistas galegos criticou a “inacción da Xunta” fronte á “alerta e preocupación” amosadas pola comunidade educativa de cara ao inicio do curso escolar. Reclamou un “protocolo consensuado” para “iniciar o curso con normalidade e garantías” que a Consellería “non é quen de acadar”, antes do debate na Deputación Permanente que se celebrará mañá no Parlamento na que os socialistas reclaman a comparecencia da conselleira de Educación.
Reclamoulle á Xunta que siga o exemplo doutras comunidades autónomas e aposte por máis contratacións de docentes e profesionais educativos, así como mecanismos de protección de profesores, de anpas, pais e nais e por suposto do propio alumnado”. Criticou o “retraso de Galicia á hora de consensuar medidas e apostar por dotar de fondos e capacidades á comunidade educativa”.
Reclamoulle á Consellería de Educación “que se sente coa comunidade educativa, coas asociacións e os directores de centros e acade un acordo para iniciar o curso coas maiores garantías e posibilidades de funcionamento nas aulas e comedores”, garantindo manter a capacidade educativa e un inicio de curso con normalidade.
Incendios forestais
Finalmente, reclamoulle á Xunta que “extreme as medidas e a eficiencia da loita contra incendios e unha política de prevención que evite riscos” para que non se poidan replicar situacións como as do incendio de Cualedro, que ten calcinado máis de 1.000 hectáreas ameazando a vivendas, ou as máis de 700 en Monterrei.
Advertiu que as condicións meteorolóxicas súmanse nesta ocasión á “falla de coidado e prevención nas masas forestais”, e reclamoulle á Xunta que garanta a “eficiencia na loita contra incendios e unha política de prevención que evite riscos”, e reivindicou “manter as cautelas, as alertas e precaucións”.