O candidato socialista desafía a Feijóo a “recoñecer que é mellor para Galicia un goberno de progreso liderado polo PSdeG antes que o PP pactando con Abascal e con Vox”
A portavoz do goberno, María Jesús Montero, chama a poñer fin á etapa “durísima”de Feijóo na Xunta: “Gonzalo Caballero llevará a Galicia a los mejores años de su historia”
Vilagarcía, 21 de xuño de 2020. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeuse hoxe en Vilagarcía a garantir 5.000 prazas estables no sistema sanitario público “para darlle dignidade aos sanitarios que piden estabilidade en lugar de contratos por horas”. Así respondeu ao “cheque da indignidade co que Feijóo quere mercar votos e xogar cos profesionais sanitarios” aos que logo de xogarse a vida na loita contra a covid lles ofrece un cheque de 250 euros para ir cenar.
O secretario xeral do PSdeG protagonizou hoxe un acto político en Vilagarcía acompañado da ministra portavoz do goberno de España, María Jesús Montero; do alcalde da localidade e presidente da Fegamp, Alberto Varela; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do candidato socialista de Arousa ao Parlamento, Julio Torrado.
Caballero cualificou o cheque de Feijóo de “medida indigna e mesquiña” que foi rexeitada por todos os médicos de Galicia, que “lle dixeron a Feijóo que non queren propinas, que queren contratos estables, investimento na sanidade pública e a defensa dos hospitais comarcais e dos centros de saúde”.
O candidato socialista contrastou ese “cheque da indignidade” co compromiso de que o seu goberno fará “bandeira da defensa da sanidade pública” con 5.000 prazas estables na próxima lexislatura. Ademais, dixo, recuperará os investimentos perdidos na sanidade na etapa de Feijóo e potenciará os hospitais comarcais e os centros de saúde, que exemplificou co compromiso de construír o novo centro de saúde que Vilagarcía leva once anos demandando.
Esixiulle a Feijóo “lealdade, honradez, dignidade e non xogar a colgarse medallas que non lle corresponden” e que, recordou, dous días antes do anuncio do estado de alarma participaba nun acto público con 500 persoas en Ferrol. Un Feijóo -apostilou- que decretaba a emerxencia sanitaria en Galicia tres horas despois de que Pedro Sánchez anunciara o estado de alarma só para poder dicir que se anticipara.
Un Feijóo, continuou Gonzalo Caballero, que presume dunha capacidade de anticipación que se contradí coa súa xestión das residencias de maiores. “Prefiro crer que é un mentireiro compulsivo a crer que non quixo tomar medidas”, incidiu, á vista de que nas residencias de maiores faleceron case a metade das vítimas da covid de Galicia. Tampouco pasou por alto o modelo do PP de privatización destes centros, creando “o maior imperio de xeriátricos de España, que tivo a súa orixe aquí”.
ULTRADEREITA
Gonzalo Caballero dirixiuse hoxe ademais a Feijóo, a quen emprazou a “recoñecer que o mellor para Galicia é un goberno de progreso liderado polo PSdeG antes que un goberno do PP pactando con Abascal e con Vox”.
Aludiu así á coincidencia hoxe en Galicia tanto de Pablo Casado -PP- como de Santiago Abascal -Vox-, que leva tres días con actos nesta comunidade.
Gonzalo Caballero indicou que “dá medo ver que as enquisas din que Vox está preto de entrar no Parlamento de Galicia”, onde “queren chegar para poñer en risco o modelo de país que queremos”. Ao seu carón, dixo, está un PP representado por Casado, Ayuso e Feijóo, que “son o mesmo, son o PP máis rancio e conservador”, e que “quere gañar en Galicia para manter o ataque ao goberno de España”.
Lembrou que o propio Feijóo é o “herdeiro político de Romay Beccaría, que entrou na política da man de Aznar”. “Representa o poder conservador rancio e antigo por moito que intente aparentar moderación, na mesma liña que Gallardón”, evidenciou Gonzalo Caballero.
O líder dos socialistas galegos fixo referencia ás enquisas electorais para lembrar que en 2019 “ningunha enquisa anticipaba os resultados que obtivemos nas eleccións municipais e nas dúas convocatorias xerais” nas que o bloque progresista liderado polo PSdeG obtivo o 55% dos votos e cando o PSdeG venceu á maioría do PP por primeira vez na historia.
Chamou á participación da “Galicia nova, que emerxe e non se resigna” fronte a “unha dereita en Galicia que nos intenta meter medo” e que por iso non quere campaña electoral nin debates televisados. “O noso reto é a mobilización”, incidiu.
Finalmente, Gonzalo Caballero destacou que “non é o mesmo o goberno da esquerda” que afronta a crise armando “un escudo protector para que ninguén quede na cuneta e que a crise económica non conleve unha crise social” mentres a dereita “noutras crises salvaba aos bancos pero non tomaba medidas para protexer á cidadanía”.
“GALICIA NECESITA CAMBIO”
Pola súa banda, a ministra voceira do goberno, María Jesús Montero, lamentou que Feijóo tentase “sacar tajada de una situación tan grave” como a crise da covid, buscando atribuírse unha anticipación que non é tal. “Fue el decreto de estado de alarma lo que impidió que circulara el virus”, recordou.
Ademais, María Jesús Montero resaltou as medidas sociais posta en marcha polo goberno, como a suba do salario mínimo ou a aprobación do ingreso mínimo vital, e destacou que Galicia recibiu “más de 1.200 millones de euros” dos fondos consignados polo goberno para as comunidades.
Precisamente por iso criticou “os reproches, as infamias” de Feijóo a un goberno que está tomando medidas a prol da maioría e que está sostendo o emprego para evitar “hemorragias en el mercado laboral” e que os máis novos sufran de novo outra crise económica que merme as súas opcións.
Ao fío disto, a tamén ministra de Facenda recordou como Feijóo di que Vox non ten cabida en Galicia e sinalou que “tiene razón, porque Feijóo representa también a la ultraderecha”. De aí que subliñou que “tras once años durísimos, ha llegado el cambio a Galicia de la mano de Gonzalo Caballero”.
Toca, dixo, pasar páxina a once anos de goberno na Xunta “de los que no creen en la educación y la sanidad públicas, en la dependencia, en el apoyo a los ayuntamientos y diputaciones… y prefieren modelos privatizadores y clientelares”.
“Galicia necesita un cambio para estar a la vanguardia. Para que el país progrese, necesitamos que Galicia se ponga en pie y que pelee por lo que le corresponde”, reivindicou María Jesús Montero, quen asegurou que Gonzalo Caballero “llevará a Galicia a los mejores años de su historia”.
“HAI MOITA DIFERENCIA”
O encargado de abrir o acto foi o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, quen puxo o foco en que “menos mal” que o PSOE está á fronte do goberno nunha crise desta magnitude, porque “as solucións da dereita xa as coñecemos”. “Fronte aos despidos, pago das nóminas a través dos ERTE; fronte aos recortes, ingreso mínimo vital”, resaltou.
No caso de Galicia, ademais, Alberto Varela desmentiu a “anticipación” da que presume Feijóo na loita contra a pandemia, toda vez que foi o estado de alarma decretado polo goberno o que freou a expansión do virus; e achacoulle tamén “os recortes que deixaron a sanidade pública no chasis”.
É por iso que xustificou a importancia do cambio de goberno na Xunta, porque “hai moita diferenza” no xeito de gobernar. De feito, valorou o compromiso de Gonzalo Caballero co novo centro de saúde de Vilagarcía e co saneamento da ría, e concluíu: “eu confío en Gonzalo Caballero”.
A continuación tomou a palabra Julio Torrado, membro da candidatura socialista pola provincia de Pontevedra, para facer fincapé en que “temos que levantarnos en votos e en dignidade” para facer unha campaña na que o PP pretende dicir que “xa está todo feito” e que “non hai nada que facer”.
E, tras destacar a “perseverancia” de Gonzalo Caballero, asegurou que será o vindeiro presidente da Xunta. “Xa nos dixeron outras veces que non se podía”, finalizou o socialista vilagarcián.
Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosouse “convencida de que chega o cambio porque Galicia precisa esperanza”, ao igual que no seu momento aconteceu coa institución provincial que lidera tras anos de “escuridade” co PP á fronte.
“Fai falla -recalcou- un presidente da Xunta progresista e feminista, como é Gonzalo Caballero”, ao tempo que puxo en valor o compromiso do candidato socialista de crear unha Consellería específica de Igualdade.