O secretario xeral e Verónica Pichel e Andrés Díaz sinalan que o informe da CHMS defende o dominio público hidráulico na zona afectada pola instalación dunha mina
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o nacemento do río Verdugo, unha zona afectada pola apertura da mina Alberta I, en compañía da alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, e do alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz.
Dende alí, o líder do PSdeG destacou a importancia de coidar e respectar o patrimonio hidrográfico, na medida en que supón “unha riqueza para Galicia”.
Por iso, Gonzalo Caballero puxo en valor o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que frea a implantación dunha mina a ceo aberto ante os riscos de contaminación das augas.
“Calquera proxecto mineiro ten que cumprir coas normas existentes e cos informes ambientais que son preceptivos, e evidenciouse que o proxecto desta mina carece das garantías hidrográficas esixibles”, deixou claro o máximo dirixente do PSdeG.
VISIÓN DOS ALCALDES
Pola súa banda, a alcaldesa de Forcarei subliñou a súa aposta pola xeración de emprego, pero tamén pola protección da natureza, e lamentou o “escurantismo” da Xunta no proceso relacionado coa instalación da mina.
Así mesmo, o rexedor de Pontecaldelas incidiu en que este río é “fonte de vida e de saúde” para a súa vila, polo que chamou a “coidalo e protexelo”.