O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou o seu apoio en nome de todo o partido a quen ata hoxe foi alcalde de Malpica, Walter Pardo, ante unha moción de censura “escurantista” por parte do PP co apoio dun concelleiro non adscrito.
“O único interese do PP é acceder ao poder a costa do que sexa”, denunciou o líder socialista, consciente de que Walter Pardo abriu “unha etapa de avance e progreso” na súa vila nos seus dous anos e medio de mandato municipal.
“Foi, é e será un alcalde de referencia”, engadiu Gonzalo Caballero, co convencemento de que as vindeiras municipais devolverán a alcaldía ao Partido Socialista. “Porque Malpica necesita un goberno de progreso e dignidade”, apostilou.
Antes de dar por feito que “a veciñanza de Malpica non vai consentir este tipo de manobras”, o máximo responsable do PSdeG asegurou que “nós seguiremos a carón dos malpicáns e das malpicás e atendendo as súas necesidades”.
Sobre todo, como sinalou Gonzalo Caballero, porque “o PP non ten proxecto para Malpica”, senón unicamente “unha suma de intereses que non teñen a Malpica no centro das súas prioridades”.
En cambio, afondou, Walter Pardo “é o alcalde que Malpica necesita”, como amosou neste tempo “sempre preocupado polos servizos e infraestruturas que necesitan a vila e a bisbarra”, así como na súa defensa dos sectores produtivos, fundamentalmente a pesca e o marisqueo.