O secretario xeral sinala a Jácome que mañá terá que decidir “se traizoa” aos seus votantes ou ten “un mínimo de dignidade” e non apoia a Baltar para seguir á fronte da Deputación
Ourense, 27 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe, na véspera da constitución da Deputación de Ourense, unha xuntanza de traballo cos deputados provinciais socialistas liderados por Rafael Rodríguez Villarino. Á súa chegada á cidade das Burgas, recordou que esta provincia votou “cambio” e censurou “as operacións políticas para manterse no poder a calquera custe” protagonizadas polo “triángulo amoroso” de Feijóo, Baltar e Jácome.
“Tralas municipais, o PP perdeu o rumbo e o sentido común”, detectou o líder dos socialistas galegos, para recordar que Feijóo chegou a dicir que Jácome era “letal” para a cidade mentres este dicía que Baltar era “tóxico” para a provincia. Por tanto, concluíu, “o triángulo amoroso de Feijóo, Baltar e Jácome conleva un resultado letal e tóxico” para Ourense.
Neste senso, Gonzalo Caballero fixo fincapé na “gran indignidade” e na “traizón” que están a perpetrar PP e DO non polo feito de chegaren a acordos, senón por “facer o contrario” do que prometían na campaña. “Jácome baseou a súa acción política nunha oposición radical e frontal contra os Baltar”, recordou, e reprobou que agora “esquece os seus compromisos e rise da cidadanía que lle deu o voto”.
“Onde dixo digo, agora di Diego”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, quen sinalou que Jácome terá que decidir mañá “se traizoa” aos seus votantes ou “mantén un mínimo de dignidade” e opta por poñerlle fin a etapa dos Baltar na Deputación ourensana. “Por primeira vez, esta provincia retirou ao PP dos Baltar a maioría absoluta para abrir un novo tempo político”, incidiu, sen esquecer o “potente” resultado obtido polos socialistas na cidade e na provincia.
“FEIJÓO TENSE QUE PRONUNCIAR”
Dito isto, Gonzalo Caballero sostivo que “Feijóo tense que pronunciar” tamén sobre o pacto que fixo alcalde a Jácome a cambio de manter a Baltar como presidente da deputación, á vista de que “os seus votantes están “indignados e perplexos”.
“Eu estarei nas tomas de posesión dos presidentes socialistas nas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e Feijóo ten que vir a Ourense a explicar os seus acordos que traizoan ao electorado para manterse no poder a calquera custe”, enfatizou o líder do PSdeG.
“Que veña mañá a ver ese exercicio de traizón e para amosar que o seu alcalde en Galicia é Jácome”, engadiu o secretario xeral, consciente de que “o esperpento no que Feijóo, Baltar e Jácome están convertendo Ourense reflexa o que é o PP de Galicia”.
“PECHE DE CICLO”
Ao fío disto, Gonzalo Caballero subliñou que a manobra impulsada por Feijóo en Ourense “só se entende” no contexto do “peche de ciclo” de quen perdeu as tres últimas eleccións fronte aos socialistas.
“Nós somos unha forza política que representa o futuro de Galicia e Feijóo está dando os últimos coletazos”, remachou o líder dos socialistas galegos, quen advertiu de que “non se pode ser presidente da Xunta e apostar por algo que é letal -en verbas de Feijóo- para a terceira cidade de Galicia”.
“A cidadanía de Ourense merece un alcalde mellor que Jácome, un presidente de deputación mellor que Baltar e un presidente da Xunta mellor que Feijóo”, sentenciou Gonzalo Caballero.
“DÍA CRUCIAL”
Pola súa banda, o secretario provincial do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino fixo fincapé en que “mañá é un día crucial” para Ourense, posto que decidirase se a provincia “progresa, e supera 32 anos de clientelismo e de corrupción” ou queda “ancorada no pasado, dominada por un clan familiar”.
Así, como sinalou, os dous representantes de DO teñen a posibilidade de amosar se “o seu compromiso é coa cidadanía ou cunha familia”. Sobre todo, recordou, despois dunha campaña centrada en “retirar a Baltar”.
E, tras denunciar que un deles será o vindeiro vicepresidente da deputación segundo o pacto firmado co PP, Rodríguez Villarino lamentou que, “no seu declive”, decidiran unirse quen son “archienemigos”.
“Baltar e Feijóo saben están no ocaso da súa carreira política, ao igual que Jácome”, incidiu, para salientar a súa perda de votos nas eleccións, e reclamou a DO “un arrebato de dignidade e decencia” que lle leve a “cumprir o prometido” na campaña e retirar a Baltar da deputación. “Para que o futuro chegue a esta terra”, concluíu.