O secretario xeral denuncia o “bloqueo” do PP ao acordo para reactivar o Parlamento cando seguen evitando que compareza a conselleira de Política Social
Santiago, 9 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que Feijóo está “tratando de ocultar” o que ocorreu nas residencias de maiores, onde se rexistran a metade dos falecementos en Galicia a causa da covid-19, a pesar do “descaro” co que tenta atribuírse unha “falsa anticipación” fronte ao virus.
Así o dixo o líder dos socialistas galegos a raíz do “bloqueo” do PP á petición de que compareza a conselleira de Política Social tralo acordo dos grupos para activar a Deputación Permanente. Así pois, en medio da crise do coronavirus, a Xunta decidiu unilateralmente que o conselleiro de Cultura acuda á Cámara o vindeiro mércores.
“Queremos que compareza a conselleira de Política Social para que dea información detallada e para que explique a súa xestión nas residencias de maiores e o modelo de privatización que fixo o PP ao longo de máis dunha década na Xunta”, remarcou Gonzalo Caballero.
Sobre todo, como explicou o máximo dirixente do PSdeG, porque os peores escenarios de contaxios sitúanse en Galicia naquelas cuestións que son “competencia da Xunta”, tales como a sanidade e os servizos sociais. Ademais, lamentou que o goberno galego non interviñera todas as residencias nas que se produciron contaxios masivos.
“Feijóo tivo o descaro de dicir que a Xunta se anticipou á chegada do virus ás residencias… se foi así, por que non as illou para protexer aos nosos maiores?”, inquiriu Gonzalo Caballero, para quen “fai falla unha análise transparente” do que ocorreu nestes centros e das medidas tomadas pola Xunta para garantir a seguridade e a saúde dos profesionais e dos maiores.