O dirixente socialista sinala que non é momento de protagonismos individuais senón de reforzar a sanidade pública, apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia e loitar contra a desigualdade
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confirmou hoxe que acudirá con “espírito construtivo a prol de Galicia” á xuntanza convocada polo presidente da Xunta cos líderes dos grupos parlamentarios o vindeiro día 26 de marzo. “É o momento do diálogo pola reactivación e defenderemos propostas para protexer aos galegos fronte á crise”, destacou.
“O diálogo é necesario para enfrontar a maior crise que viviu o país”, remarcou Gonzalo Caballero, quen xa pedira en reiteradas ocasións esta xuntanza dende o pasado 8 de febreiro.
De feito, como xa dixera, o importante non é o formato da reunión, posto que o que toca agora “non é pensar na foto nin en protagonismos individuais”, senón de compartir ideas e propostas que nos reforcen para saír desta crise. Hai que poñer as necesidades da cidadanía galega “no primeiro plano” e darlle as mellores respostas.
Así, o máximo responsable do PSdeG levará a este encontro un compromiso claro para reforzar o sistema sanitario público logo de máis dunha década de recortes, tamén coa vista posta na necesidade de axilizar o sistema de vacinación a medida que vaian chegando as doses a Galicia.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero incidirá na reactivación económica de Galicia, e porá sobre a mesa liñas de acción para o emprego, a modernización da economía e a loita contra a desigualdade. Sinala tamén a necesidade de protexer aos sectores máis damnificados polas restricións -como a hostalería, o comercio, a cultura e o deporte-, como vía para que a economía galega resista e para loitar contra o desemprego.
Ademais, dados os riscos de desigualdade como consecuencia da crise, o secretario xeral socialista incidirá na necesidade de tomar medidas para buscar que “ninguén quede atrás” no eido económico e social tralo paso da covid.
Así mesmo, a situación das xeracións máis novas, que “agora mesmo non albiscan futuro en Galicia”, será outro dos aspectos que aborde Gonzalo Caballero, xunto coa problemática específica das mulleres no que atinxe ao emprego e os coidados.
“A sanidade, a economía e o benestar social son os principais eixos de preocupación do PSdeG, e así llo trasladaremos ao presidente da Xunta”, manifestou Gonzalo Caballero, quen saudou que Feijóo “se abra por fin ao diálogo e a buscar sinerxías e acordos”.