O secretario xeral sinala que esta decisión “non consensuada” supón “unha alerta para toda Galicia” e insta á Xunta a “rectificar” nunha cuestión que “non estaba no programa electoral do PP”
A alcaldesa de Lugo amosa o seu “rexeitamento ante este novo recorte da Xunta” na sanidade pública e urxe incrementar a contratación de persoal
Lugo, 19 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o centro de saúde de Fingoi, en Lugo, para manter unha xuntanza cos seus profesionais ante a decisión da Xunta de concentrar os sábados todos os servizos de atención primaria e pediatría da cidade nesta ubicación. “Acabamos a pasada lexislatura cunha gran mobilización contra o peche do paridoiro de Verín e iniciamos esta rexeitando os recortes na sanidade pública de Lugo”, recalcou.
Fronte a esta medida, e coa vista posta nos problemas que pode haber ao longo do outono, Gonzalo Caballero instou á Xunta a que, no canto de pechar os centros de saúde os sábados, os dote de “máis persoal” para que poidan funcionar “con garantías e con seguridade”.
“A sanidade pública é fundamental, sobre todo nestes tempos da covid, e fortalecer a atención primaria é o que establecen todas as recomendacións”, agregou o líder do PSdeG, quen recordou que o goberno de España destinou a Galicia 268 millóns de euros que serán complementados para mellorar o sistema sanitario.
Ademais, Gonzalo Caballero sinalou que esta decisión sobre a atención primaria de Lugo “non foi consensuada” nin cos centros de saúde nin coas autoridades locais. “E cada vez que o PP fala de eficiencia, os servizos sanitarios se ven máis recortados e máis afastados da poboación”, engadiu.
E, tras recordar que a Xunta ten “débedas pendentes” con Lugo como o centro de saúde do barrio da Residencia, o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé en que a decisión tomada nesta cidade supón “unha alerta para toda Galicia”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero preguntou se o PP “levaba esta medida no seu programa electoral” ou se Feijóo “o anunciou na campaña”. Así pois, instou ao novo delegado da Xunta na provincia a “facer rectificar esa decisión”. “Temos que traballar todos xuntos fronte á pandemia, e a Xunta atopará sempre a nosa man tendida, pero dende logo non seremos cómplices dos recortes na sanidade pública”, concluíu.
“NON SE FIXERON OS DEBERES”
Despois de sinalar o “erro garrafal” que supón esta medida, Gonzalo Caballero evidenciou que o goberno galego “non fixo os deberes” nin no eido sanitario, nin no da política social nin no educativo.
Así o reflicten, dixo, os casos das residencias do Incio e Outeiro de Rei, cada unha delas cun cento de contaxios e cunha trintena de falecementos. “Non é admisible”, defendeu, consciente de que esta situación revela que non houbo “un traballo serio e rigoroso” para a protección dos maiores.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero referiu os numerosos problemas que se deron nos colexios e institutos neste inicio de curso, que incluso tiveron como consecuencia dimisións en distintos equipos directivos. “Non se pode seguir recortando, hai que cumprir cos servizos públicos”, finalizou.
“NOVO RECORTE DA XUNTA”
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo manifestou o seu “rexeitamento a este novo recorte da Xunta” en materia de sanidade pública “por cuestións económicas” e sen ter en conta que a atención primaria é “o muro de contención da pandemia”.
“Non se pode concentrar aos case 100.000 lucenses nun único centro de saúde”, evidenciou Lara Méndez, consciente dos “riscos” que esa decisión implica.
Por iso, a rexedora de Lugo defendeu que, ao igual que a Xunta está tendo que rectificar no que atinxe ao aumento das plantillas de profesores para iniciar o curso escolar “con garantías”, tamén ten que aumentar o persoal da sanidade pública.