Coinciden no potencial do turismo para impulsar a reactivación do país e na importancia do paquete de axudas directas a pemes e autónomos
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu hoxe a Fitur, onde aproveitou para abordar co presidente do goberno, Pedro Sánchez, a importancia da reactivación económica e social, así como do paquete de axudas directas a pemes e autónomos aprobadas polo goberno de España.
Caballero salientou que a reactivación debe vir da man da xeración do emprego e que cómpre apoiar aos sectores máis afectados pola crise para que poidan “coller impulso” no segundo semestre do ano. “Esta é unha crise económica distinta, e drenar fondos aos sectores afectados é importante para que se recuperen”, subliñou.
Ao fío da aposta polo turismo nun contexto de desescalada e de extensión da vacinación, o líder dos socialistas galegos resaltou a importancia das axudas directas que van chegar nas próximas semanas a autónomos e pemes da hostalería e do sector turístico.
Nese senso, Gonzalo Caballero destacou que o goberno de España xa remitiu a semana pasada 234 millóns de euros á Xunta para axudas directas aos autónomos e pemes galegas. Por iso, urxiu ao goberno galego para “que poña os cartos nas mans dos pequenos empresarios e dos autónomos que tan mal o están pasando” nestes tempos.
Ademais, o dirixente do PSdeG sinalou a importancia dos ERTE para dar garantías ás empresas á hora de encarar esta reactivación tralo paso da covid.
Así mesmo, Gonzalo Caballero lembrou co presidente que hoxe cúmprense catro anos dende que Pedro Sánchez gañara as primarias; primeiro paso para a consecución do goberno progresista en España.