GONZÁLEZ CASARES: “O 9-X IMOS SER O MURO DE CONTENCIÓN FRONTE Á DEREITA QUE SE MIMETIZA COA ULTRADEREITA”
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo participou en Maceda na terceira edición de ConMemora, a Festa do Socialismo Ourensán
Maceda, 2 de xuño de 2024. O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, afirmou esta mañá que o próximo 9 de xuño é necesario frear a un PP que “se mimetiza coa ultradereita” e apostar por un PSOE que defende unha Europa “social, xusta e solidaria, unha Europa de paz”. “Estas eleccións son importantes porque nos enfrentamos á ultradereita e a unha dereita como a española, que se mimetiza coa ultradereita, esa ultradereita como a de Abascal, indigno, que vai estreitar a man de Netanyahu mentres masacran nenos en Gaza. Nós ímoslle facer fronte, somos o muro de contención”, aseverou.
Así o asegurou durante a súa intervención en Maceda, durante a terceira edición de ConMemora, a Festa do Socialismo Ourensán, na que estivo acompañado, entre outros, do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Villarino, e da alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo.
O eurodeputado socialista chamou aos presentes a sentirse orgullosos do Goberno socialista, un goberno que está a impulsar a memoria democrática como política de Estado, algo que considerou de xustiza, máxime nun tempo no que a dereita lle está a abrir as portas do goberno á ultradereita.
Tal e como sinalou, o PP e a ultradereita queren devolvernos ao pasado, aos homes de negro. “Pero non aos da crise financeira, queren ir moito máis atrás, a eses homes de negro que van co brazo en alto pola Roma de Meloni dicíndolles ás mulleres se poden abortar, se temos dereito á diversidade, se cada un pode casar con quen queira. Non queremos eses homes negro en Europa”, manifestou Casares, quen dixo que o próximo domingo a cidadanía vaise levantar “para dicirlle a Feijóo e á ultradereita que non queremos máis Melonis, que non queremos que nos quiten dereitos, que queremos máis Pedro, máis Teresa e máis alegría para Europa fronte á tristeza que representan”.
Casares incidiu na necesidade de que o próximo domingo as urnas clamen “liberdade, xustiza e democracia” e advertiu que o Partido Socialista non lle vai permitir ao PP darlle o goberno de Europa á ultradereita. “Europa, o proxecto europeo, é a antítese do que representa a ultradereita”.
O candidato socialista chamou a derribar fronteiras, fronte aos que queren elevar fronteiras “ata no Padornelo”. “Nós cremos na construción europea, cremos na paz.