O candidato socialista ao Parlamento Europeo visitou en Cee obras en marcha por un importe superior aos 12 millóns de euros que están financiadas con cargo aos fondos europeos
Santiago, 1 de xuño. O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, defendeu hoxe que os fondos de recuperación logrados polo Goberno socialista para facer fronte aos efectos da pandemia “están a mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos en cada recanto de Galicia”.
Así o sinalou nunha visita a Cee xunto á alcaldesa, Margarita Lamela, con quen tivo ocasión de coñecer de primeira man distintas obras financiadas con cargo a fondos comunitarios.
Como sinalou o eurodeputado socialista, os fondos europeos están a financiar diferentes obras no concello de Cee e na Costa da Morte, obras que están a mellorar a calidade de vida dos cidadáns dos concellos da comarca, así como as infraestruturas turísticas e ambientais da zona.
“Este concello e a súa alcaldesa son unha mostra de cómo os socialistas grazas aos fondos europeos transforman Europa desde o ámbito local e, de feito, hai investimentos en marcha neste municipio por un importe superior a 12 millóns de euros”, afirmou Casares, en referencia a proxectos como a rehabilitación e mellora dos accesos peonís no entorno do colexio Vila de Cee, as obras nas rúas Castelao e Río Ferrol, a reforma do Mercado Municipal ou a mellora do sistema de saneamento de Cee e Corcubión.
Casares tamén lembrou os case 2 millóns de euros investidos en Camariñas nos traballos de acondicionamento da senda peonil entre Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses ou os 13 millóns concedidos para a repotenciación do parque eólico de Monte Redondo, en Vimianzo, que implicará a sustitución dos aeroxeneradores existentes por outros máis modernos, máis eficientes e de maior potencia unitaria, o que permitirá reducir o número de aeroxeneradores.