O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, presentou hoxe unha proposición non de Lei para reclamar a implicación do goberno galego na loita contra a invasión das vespas velutinas. Os socialistas reclamaron a cooperación da Xunta cos distintos axentes implicados, investimento en investigación e formación, así como un trampeo masivo a tempo nunha proposta que foi vetada polo PP.
O responsable socialista alertou dos “niveis alarmantes” destes insectos en Galicia, logo de ter sido detectadas por primeira vez en 2012, hai apenas cinco anos nos que demostrou unha preocupante capacidade de adaptación e expansión. O seu impacto, dixo, non tardou en demostrarse con consecuencias tanto sobre a saúde humana, con risco de picaduras, como sobre a actividade socioeconómica.
Ademais do risco para as persoas, explica a importante incidencia dunha especie especialmente agresiva que ataca ás abellas melíferas, poñendo en perigo tanto numerosas explotacións de mel como a fundamental función polinizadora daquelas.
Pérez Seco chama a “redobrar e canalizar adecuadamente os esforzos” para loitar con efectividade contra esta praga, logo de terse demostrado que os programas de localización e retirada de niños son “insuficientes, ou cando menos non están dando os resultados esperados”.
Reclamou unha maior implicación do goberno galego, así como unha maior colaboración cos concellos e asociacións, que están desenvolvendo un “gran esforzo económico e humano” de cara á retirada de niños. Censura que “a única colaboración da Xunta ata o momento limítase á entrega de pértegas e traxes”, que resulta “insuficiente” cando os implicados vense obrigados mesmo a adquirir eles mesmos o veleno.
Apuntou que “estamos ante un problema de saúde, ante un problema social e ante un problema económico que non para de medrar, polo que require afrontalo con seriedade e medidas concretas, e non declaracións de intencións que non comprometen recursos”.