O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe a escaseza de fisioterapeutas na sanidade pública galega, ademais da súa infrautilización. No debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento celebrado hoxe, advertiu que Galicia ten un profesional por cada 17.000 habitantes, 6 veces máis que a ratio recomendada pola OMS, que a sitúa en un fisioterapeuta por cada 3.000 habitantes.
Torrado alertou do “problema de persoal” na especialidade en Galicia, con situacións límite como a da Eoxi de Vigo, onde hai un fisioterapeuta por cada 24.000 habitantes, o que fai que a última convocatoria de prazas sexa “insuficiente para cubrir as necesidades”. Sinalou que logo das 54 prazas convocadas polo goberno socialista en 2009, en dez anos de xestión, tan só convocaron 11 prazas en 2015 e outras 71 en 2019 “coincidindo con que había eleccións xerais e locais”.
O responsable socialista acusou ao conselleiro de Sanidade de “falar de vaguidades pero non dar ningunha concreción” e sinalou que “dedícase a despotricar contra a ministra, pero en Galicia non concretan” ningunha medida para potenciar a figura destes profesionais.
Salientou a “necesidade de redistribuír as tarefas” para “potenciar a figura dos fisioterapeutas”, mentres o goberno galego “mesmo se esquece de convocalos ás reunións para reorganizar a Atención Primaria”.
Tamén urxiu ao goberno galego a publicar a Guía de Actuación en Fisioterapia elaborada e entregada polo Colexio Oficial de Fisioterapeutas en 2017, que o Sergas se comprometera a publicar en 2018 pero que “desapareceu da axenda” e en marzo de 2019 “ninguén sabe onde está”.