O secretario xeral do PSdeG critica que o PP se felicite polo caos do certificado covid e insta ao presidente da Xunta a que aclare se o vai aplicar e mudar “o consenso que di ter coa hostalería”
O líder socialista lembra que Feijoo faltou á verdade co baleirado dos encoros e que “sigue abrazado aos seus amigos das hidroeléctricas na súa connivencia co poder económico”
O voceiro do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, afirmou hoxe no pleno da Cámara que “é difícil poder confiar no goberno galego cando a cidadanía manda un SOS e na Xunta ninguén lle dá resposta” e “cando marchou de vacacións” no verán e “deixou de gobernar Galicia”.
Neste senso, na sesión de control a Feijóo, o líder do PSdeG remarcou que “Galicia merece algo máis que o escapismo dun presidente que non goberna e non asume as súas responsabilidades en sanidade, en educación ou en industria”.
De feito, tras indicar que “hai motivos para estar preocupados”, Gonzalo Caballero reclamou á Xunta que aproveite o inicio de curso para “mudar a estratexia, porque así non imos ben”. ”Galicia”, proclamou, “merece algo máis que un goberno que fai política do conflito co goberno de España e que fai oposición ao Partido Socialista”.
Por iso, esixiulle ao presidente da Xunta que “dea repostas aos problemas do país” nun contexto no que “Galicia necesita un goberno que estea a carón da súa xente e das súas problemáticas”.
O “CAOS” DO CERTIFICADO COVID
Gonzalo Caballero exemplificou esta situación no “caos” vivido este verán co certificado covid para a hostalería. Neste aspecto, o secretario xeral do PSdeG criticou que “a sección Vox do PP en Galicia intente felicitarse polo éxito da xestión da Xunta neste tema”.
“Fóronse de vacacións sen pedir permiso aos tribunais para impoñelo, saltando dereitos fundamentais”, recordou, consciente do “caos” que viviu a hostalería durante todo o verán. Por iso, Caballero preguntou “se agora que ten o visto bo do Tribunal Supremo van aplicar ese certificado covid e mudar a política de consenso que din que teñen coa hostalería, ou se simplemente se felicitan polo seu caos”.
FEIJÓO “FALTOU Á VERDADE”
O responsable do PSdeG tamén lembrou que Feijoo “faltou á verdade cando dixo tras un Consello da Xunta que descoñecía o baleirado de encoros”, algo que quedou de manifesto “tan só 24 horas despois” cuns correos electrónicos que revelaban “o engano” do presidente da Xunta.
Neste escenario, Gonzalo Caballero incidiu en que “non sabemos se a Xunta é tan ineficiente que non se entera, ou se a conselleira non lle explica as cousas ao presidente ou se Feijóo o sabía e foi ao Consello da Xunta a enganar á cidadanía”.
O certo é que, logo de evidenciarse o engano, Feijóo tratou de mudar a súa versión e sinalar un suposto acordo do goberno de España coas eléctricas. Pero, tal e como relatou Gonzalo Caballero, “cando o goberno decide reducir os beneficios destas empresas en 2.600 millóns de euros, Feijóo segue abrazado aos seus amigos das eléctricas na súa connivencia co poder económico sen resolver nada para os galegos e as galegas”.
PROBLEMAS EN SANIDADE, EDUCACIÓN E INDUSTRIA
Ademais, neste inicio do curso político, Gonzalo Caballero recordou os problemas da sanidade pública ante a inacción da Xunta ao longo do verán.
Neste eido, enumerou “as listas de espera estruturais en atención primaria por primeira vez na historia, a saturación do sistema ou incluso denuncias dende os colexios oficiais de médicos contra o goberno galego polo colapso”.
O líder socialista tamén recordou que o goberno galego “montou a política do conflito coas vacinas, denunciando que non chegaban vacinas a Galicia, e tiveron que rectificar”, porque “hoxe máis do 80 por cento dos galegos e galegas están vacinados” en virtude da estratexia deseñada polo goberno de España.
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG reprochou a Feijóo que inicie o curso académico “despedindo a centos de profesores, negándose a volver ao sistema de libros de texto gratuítos ou poñendo as primeiras matrículas de balde nas universidades galegas”.
A maiores, alertou de que o goberno galego “non dá respostas aos problemas industriais de Galicia”. Ao fío disto, indicou que “están desnortados na xestión dos fondos Next Generation, que seguen sen saber cara onde van”.
Tras insistir en que Feijóo “ten que poñerse a gobernar, porque abandonou aos galegos e ás galegas”, Gonzalo Caballero advertiu que “a nosa oposición leal a Galicia non é una oposición cómplice das responsabilidades do PP”. “Galicia ten máis fondos que nunca, pero tamén ten menos goberno que nunca para os problemas dos galegos e as galegas”, sentenciou.