O líder socialista apunta que Feijóo pinta unha “Galicia idílica” e sinala que a súa “credibilidade” en economía “é a mesma que cando fala do estado de alarma, do que dicía que era demoledor e agora di que é a solución para o país”
O secretario xeral pregunta a Feijóo “por que despreza ás mulleres”: “A que está esperando para incorporalas no consello de administración da sociedade que creou para os fondos Next Generation?”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, utilizou hoxe a sesión de control do Parlamento para poñer sobre a mesa a “fonda crise que está atravesando Galicia” e da que “Feijóo está ausente, está fóra de xogo, está out”.
Dende a Cámara, o líder do PSdeG chamou a “non poñer vendas nos ollos” e a enfrontar as dificultades existentes. “A súa estratexia de Salvar o Nadal fallou e trouxo consigo unha terceira onda da covid que tivo tamén efectos duros na economía”, evidenciou, tras dar lectura a distintos titulares de prensa que reflicten o aumento de desempregados e o peche de negocios en Galicia.
Por iso, Gonzalo Caballero reclamou ao presidente da Xunta a posta en marcha con carácter inmediato dun plan para a reapertura de negocios que pecharon por mor da pandemia, e sendos programas de apoio ao emprego feminino e da mocidade.
“A Xunta non pode seguir de brazos caídos, é necesario tomar medidas para reactivar a economía e xerar emprego”, incidiu o máximo responsable do PSdeG, consciente dos problemas, enumerou, “no sector servizos, no rural, na industria, en toda Ferrolterra; na banca, no naval, en H&M, en Adolfo Domínguez, tamén en Repsol, Alcoa, Alu Ibérica, no servizo de limpeza da provincia da Coruña…”.
Precisamente por iso reprobou a Feijóo que tente debuxar “unha Galicia idílica”. “Os primeiros datos deste ano son devastadores para a economía galega en termos de emprego, os peores de calquera comunidade”, recordou, antes de espetar a Feijóo: “se quere seguir vivindo nos mundos de yupi ou recreándose nunha ficción que di que Galicia está nunha situación óptima, alá vostede, pero non llo cre ninguén”.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero recomendou a Feijóo “empatía” e que, “se non sabe que facer” cos 1.200 millóns de euros que o goberno transferiu de xeito extraordinario a Galicia para facer fronte á covid, “os poña nas mans da xente” que está atravesando dificultades.
FONDOS EUROPEOS
Ao fío disto, o dirixente socialista sinalou que cómpre utilizar axeitadamente os fondos europeos, e apelou unha vez máis ao “consenso” ante a “falla de rumbo” da Xunta neste eido. “Amosan que non saben que facer con eles cando queren dedicar máis de 700 millóns de euros de fondos europeos a obras en hospitais, que xa tiñan que estar feitos, e en todo caso xa están previstas nos orzamentos, polo que o problema é que carecen de novos proxectos para a reactivación, non saben que facer”, recalcou.
“Non podemos desaproveitar esta oportunidade histórica para a reconstrución de Galicia”, afondou, e ofreceu a súa man tendida á vista da “ausencia de estratexia” do goberno galego. Ademais, subliñou, porque “a credibilidade de Feijóo para falar de economía é a mesma que cando fala do estado de alarma, do que en outubro dicía que era demoledor e agora intenta plantexalo como a solución para o país”.
Finalmente, no que atinxe aos fondos Next Generation, Gonzalo Caballero recordou que a igualdade entre homes e mulleres é un obxectivo dos fondos e recriminou a Feijóo a ausencia de mulleres no consello de administración da sociedade público-privada que creou para orientar o uso deses cartos que veñen de Europa.
“Por que despreza ás mulleres? Ou cre que non hai en Galicia nove mulleres, como hai nove homes, para que estean sentadas nese consello de administración? A que está esperando para incorporalas nesa sociedade?”, reclamou, antes de sentenciar: “conte coas mulleres para orientar a reactivación económica de Galicia!”.