O secretario xeral do PSdeG destaca a “oportunidade” que supón o plan do goberno de España para combater o reto demográfico dotado con 10.000 millóns de euros
O líder dos socialistas galegos visita Ribas de Sil, Quiroga, Folgoso do Courel, Pobra de Brollón e Bóveda
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe que parte dos 10.000 millóns de euros de fondos que destinará o goberno de España ao reto demográfico “cheguen aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes”, algo que é “vital para o rural”. Así o dixo durante unha visita ao Concello de Ribas de Sil xunto co seu alcalde, o socialista Miguel Ángel Sotuela.
O líder dos socialistas galegos puxo o foco sobre esta “oportunidade histórica” para revitalizar o rural galego logo de 12 anos con Feijóo na Xunta, unha etapa na que “falar da Galicia rural foi falar do abandono, o esquecemento, o despoboamento e a falla de medidas”. Apuntou que “agora temos que reverter este déficit de políticas” do goberno galego, que realizou unha xestión “incapaz e insuficiente para o medio rural”.
Sinalou que “a recuperación soamente chegará a todo o territorio se poñemos o foco en axudar aos concellos pequenos e aos galegos e as galegas que viven nos lugares onde falta poboación”.
Reivindicou así unha “folla de ruta comprometida coa xeración de emprego e servizos públicos en pé de igualdade entre os galegos do rural respecto da Galicia urbana”.
Así, chamou a aproveitar estes fondos de recuperación para reforzar o emprendemento, mellorar os servizos públicos e conectar dixitalmente todo o territorio, ao tempo que apuntou ao turismo e á cultura como “medios de vida fundamentais da Galicia interior”.
Gonzalo Caballero sinalou que “non podemos desaproveitar unha oportunidade histórica como os fondos Next Generation”. “Toca despregar por todo o territorio os fondos dispoñibles a través de políticas expansivas”, engadiu.!E sinalou que, “fronte a discursos xenéricos carentes de compromiso coa Galicia real, necesitamos unha aposta decisiva” para “reverter a Galicia baleira, na que a xente que vive nos concellos pequenos se sente esquecida”.
O responsable socialista comezou en Ribas de Sil unha xornada por distintos concellos da comarca, sinaladamente Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón e Bóveda, na que tamén participou a secretaria provincial do PSOE de Lugo, a parlamentaria Patricia Otero.
VISITA A RIBAS DE SIL
Pola súa banda, o alcalde da localidade durante os últimos 22 anos, o socialista Miguel Ángel Sotuela, agradeceu a visita ao líder dos socialistas galegos e trasladoulle “a necesidade de que interceda polos concellos do rural, apartados das grandes comarcas e zonas de decisión”.
Ademais, o alcalde salientou a importancia do proxecto de xeocamping que o Concello está a executar con fondos propios.