O líder do PSdeG empraza a Feijóo a “aclarar a súa posición sobre o estado de alarma”, que chegou a tildar de “demoledor”, e pídelle “lealdade” para afrontar a desescalada tralo “exceso” dunha lei de saúde con visos de “inconstitucionalidade”
Caballero reivindica “un galeguismo construtivo e integrador” para reformar o Estatuto “fortalecendo a autonomía” e dando “novos dereitos e liberdades para os galegos e galegas” lonxe de separatismos
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a aceptar a “man tendida” dos socialistas galegos para acordar a importancia dos proxectos que opten a fondos europeos. Chamou a superar a “opacidade, falla de rumbo e de compromiso” amosados polo goberno galego, que obtivo un “suspenso clamoroso” e que na súa “fuxida cara adiante” corre o risco de que se perdan as axudas.
“Galicia ten que aproveitar a oportunidade”, subliñou o líder dos socialistas galegos logo de lembrar que o mércores comparecerá por terceira vez o conselleiro de Economía nunha comisión de reactivación que “xa excedeu o prazo de duración” que PP e BNG acordaron para, dicían, tela rematada no pasado mes de xaneiro.
Por iso, Caballero chamou de novo ao acordo co presidente da Xunta e coas forzas políticas para evitar a perda de axudas para Galicia, logo de que pasaran de anunciar sete proxectos, que despois foron 106 e finalmente 354, co cal “ninguén cre xa que teñan unha estratexia”.
Diante do risco de que estes proxectos terminen sendo “papel mollado”, emprazou a “comezar a facer as cousas ben”, polo que ofreceu o coñecemento e o impulso dos socialistas galegos para que Galicia “non quede rezagada”. “Nós estamos dispostos a acordar o mapa de prioridades”, asegurou.
DESESCALADA
Ademais, o secretario xeral do PSdeG dirixiuse ao presidente da Xunta para esixirlle que “aclare a súa posición sobre o estado de alarma”, que hai seis meses según Feijóo era “demoledor e contraproducente” e agora resulta “imprescindible” para Feijóo.
“Non pode estar sempre con bandazos e levando a contraria”, sinalou, non sen requirirlle “lealdade” no consello interterritorial para levar adiante unha desescalada “segura”.
Máxime, como dixo Gonzalo Caballero, logo de aprobar en solitario unha lei de saúde con visos de “inconstitucionalidade” porque se arroga a competencia de restrinxir dereitos e liberdades fundamentales. “Foi un exceso”, incidiu no relativo á norma paralizada por un recurso ao Tribunal Constitucional,
De feito, chamou ao PP a que “se aclare”, porque mentres Ayuso reivindica unha falsa “liberdade” para Madrid, Feijóo tenta en Galicia sobordar a Constitución.
Fronte a este xeito de actuar “xerando conflitos e problemas”, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á “responsabilidade” e á “prudencia”, e comprometeu o apoio do PSdeG ás decisións da Xunta “coa información e o respaldo do comité clínico” para seguir avanzando na desescalada e na batalla contra o coronavirus.
REFORMA DO ESTATUTO
En paralelo, Gonzalo Caballero reivindicou hoxe o papel do Estatuto do 81, actualmente vixente, como base para “camiñar cara ao futuro” e chamou a afrontar a súa reforma logo da pandemia para “fortalecer a autonomía e o autogoberno” e xerar “novos dereitos e liberdades para os galegos e as galegas do século XXI”.
Así, emprazou a PP e BNG a “deixar o maximalismo” das posicións “inmobilistas” dos conservadores e do “separatismo e autodeterminación” dos nacionalistas para acadar un “gran acordo en base a un galeguismo construtivo e integrador no que todos os galegos esteamos cómodos”.
O líder do PSdeG lembrou a xornada do pasado sábado na que participaron o ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño e o catedrático de Dereito Político da USC Ramón Máiz, para reivindicar un proxecto de “galeguismo integrador”, que aposta polo autogoberno a partir dunha posición “autonomista, galeguista e federalista”.
Ademais, anunciou que os socialistas galegos traballarán de forma inmediata por vía parlamentaria para reclamar ata 30 transferencias para Galicia que resultan viables no actual marco constitucional e estatutario e que xa foron adquiridas por outras autonomías.
SITUACIÓN POLÍTICA DE OURENSE
A preguntas dos medios, o secretario xeral do PSdeG valorou ademais a “xenerosidade e altura de miras” do voceiro socialista no concello, Rafael R. Villarino, que hoxe abriu a porta a poñerse ao lado de quen o partido decida que deba encabezar a moción de censura para facilitar un goberno de cambio en Ourense. Caballero sinalou que Villarino sería “alcalde lexítimo de Ourense” porque foi o candidato máis votado nas municipais, pero que amosa o seu amor pola cidade das Burgas con este xesto xeneroso no que o colectivo está por riba do personal. Trátase de facer posible unha alternativa ao “esperpento” protagonizado por Jácome co apoio do PP.
Gonzalo Caballero emprazou ao presidente da Xunta a decidir se quere “seguir sendo o soporte de Jácome” e “respaldando o caos” que supón para a cidade, logo de ter asinado un “pacto antinatura” e que supuxo unha “aldraxe” para Ourense. Lembrou que foi o PP quen situou ao actual alcalde á fronte da cidade a cambio de manter a Baltar na presidencia da Deputación.
Sinalou que esta decisión do candidato socialista sitúa ao PP e a Feijóo fronte a unha “proba de fogo” para amosar se son “cómplices” da xestión de Jácome, quen é actualmente o “principal referente municipal do PP en Galicia” ou se “realmente queren apostar polo cambio de goberno”.