Pablo Arangüena pon en valor o traballo realizado polo PSdeG neste período de sesións, un traballo construtivo e “menos estruendoso” que o doutras forzas que usan o Parlamento para practicar “o escapismo”
O vicevoceiro socialista avoga por que “se tomen en conta con forza” o envellecemento da poboación e a dispersión territorial para mellorar o financiamento para Galicia
O voceiro do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a sesión de control do vindeiro Pleno do Parlamento para preguntarlle a Feijoo sobre as políticas estratéxicas que ten o goberno galego para saír da crise e facer fronte aos desafíos que ten por diante Galicia. Así o explicou o vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, logo da Xunta de Portavoces que se reuniu hoxe para fixar a orde do día do Pleno da próxima semana.
Arangüena alertou de que “mentres o mundo se move aceleradamente e todo cambia ao noso arredor, a Xunta nin sequera reacciona ante ese cambio”. Así, o deputado do PSdeG exemplificou esta falta de proactividade na filosofía política de quen, como o goberno galego, considera hai dous tipos de problemas: “os que se resolven sos e os que non se resolven nunca”. “Nós”, subliñou, “non participamos desa filosofía política e cremos que hai que ser proactivos sempre, pero moito máis nunha época na que todo muda ó noso arredor”.
Como mostra diso, lembrou que “no último ano e medio sufrimos unha fonda e inesperada sacudida nas nosas vidas que pon todo en cuestión”, entre outras cousas “a capacidade da administración galega para dar resposta as necesidades específicas da cidadanía nesta crise e nas que veñan no futuro, que virán”.
PLAN DE MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN GALEGA
O vicevoceiro do PSdeG tamén anunciou a presentación de dúas proposicións non de lei. Nunha delas, o Grupo Socialista pediralle á Xunta un plan de modernización, eficiencia e resiliencia da administración galega.
É necesario “porque hai un problema coa nosa administración pública na medida en que é extremadamente burocrática, moi pouco transparente e pouco eficiente no uso de recursos públicos”. Ademais, Pablo Arangüena alertou de que eses recursos, previsiblemente, “serán cada vez máis escasos no futuro” por varios factores, como o feito de que a débeda pública se incrementase un 20% no conxunto do Estado para facer fronte á crise.
A maiores, lembrou que os fondos europeos para facer fronte á crise “implican un ingreso extraordinario nas arcas públicas”, pero advertiu de que “son un estímulo económico que non é previsible que vaia repetirse no futuro e temos un déficit moi elevado”. Finalmente incidiu en que “temos os peores datos demográficos de España e perdemos poboación, que é a que ten que soster o edificio administrativo cos seus impostos”.
A segunda proposición non de lei versará sobre a necesidade de modificar o calendario escolar para adaptalo aos cambios producidos na lexislación estatal.
GRANDES CARENCIAS NA ATENCIÓN TEMPERÁ Á POBOACIÓN DE 0 A 6 ANOS
O PSdeG tamén fará unha interpelación sobre a atención das necesidades temperás da poboación de 0 a 6 anos. Refírese a todas aquelas necesidades especiais que teñen os nenos e nenas “nesta idade fundamental para o seu desenvolvemento” e que “vai determinar as súas capacidades e oportunidades ao longo das súas vidas”.
Neste contexto, Pablo Arangüena pon o foco en que “Galicia presenta grandes carencias neste eido, con preto de 2.000 menores de 6 anos con discapacidades recoñecidas” Neste escenario, lamentou que os tempos de espera para este tipo de atención en Galicia “chegan incluso ata 1 ano”.
Ademais, o Grupo Socialista presentará unha moción para a introdución de plans específicos de igualdade laboral para o colectivo LGTBI, que sufre discriminación laboral en Galicia como en outros territorios.
Canto as preguntas, suscitarase unha sobre “as irregularidades ou presuntos delitos en relación con axudas e subvencións públicas que puido cometer un exalto cargo da AGADER”. As actuacións desta persoa, que tamén foi voceiro do PP de Lalín e Director do Banco de Terras, están sendo investigadas nun xulgado de instrución de Santiago.
A outra pregunta versará sobre as medidas que vai adoptar o goberno galego ante o auxe da ciberdelincuencia, que -segundo o Fiscal Xeral de Galicia- aumentou no último ano un 400%.
TRABALLO DO PSdeG NESTE PERÍODO DE SESIÓNS
Por outra banda, a piques de rematar o período de sesións, Pablo Arangüena aproveitou para poñer en valor o traballo feito dende o Grupo Socialista. Foi “un traballo menos estruendoso que o de outras forzas políticas que usan e abusan deste Parlamento para practicar un escapismo que consiste en defender que todos os problemas veñen de fóra”.
Arangüena considera que así, algunhas formacións como o PP, “meten a Galicia nunha especie de alienación colectiva que lle sirve á Xunta para eludir responsabilidades e pedirlle ao goberno central que arranxe todos os problemas de Galicia”. Porén, lembrou que “quen ten a responsabilidade, a competencia e os medio máis importantes para facelo é o goberno galego”.
Ao mesmo tempo, lamentou que a outra forza da oposición “se sume reiteradamente a ese escapismo, nun circuíto de realimentación que non leva a nada bo para Galicia”. “Galicia”, proclamou Arangüena, “ten os recursos, o talento, as capacidades e o autogoberno necesarios para afrontar calquera situación”. Neste contexto, “o que necesita son mellores políticas públicas que liberen o potencial retido desta terra e das súas xentes, políticas públicas como as que constantemente propoñemos desde o grupo parlamentario socialista”.
FINACIAMENTO AUTONÓMICO
Na súa intervención, e a preguntas dos medios, Pablo Arangüena tamén se referiu ás demandas que suscitará o Grupo Socialista na primeira reunión da Comisión para a reforma do financiamento autonómico, que se reunirá mañá por primeira vez tras a súa constitución.
O parlamentario socialista reiterou que o PSdeG “apoia calquera mellora do financiamento autonómico para Galicia, sen perder de vista a compoñente de solidariedade que ten o financiamento territorial”.
Neste contexto, defendeu que “se reforce a solidariedade” e que, no caso da nosa comunidade, se teñan en conta dúas particularidades “fundamentais”: o envellecemento da poboación e a gran dispersión territorial, moito maiores que no resto de España.
“Son dúas particularidades”, sinalou Arangüena, “que determinan que o custe de prestación dos servizos públicos sexa superior ao doutras comunidades autónomas”. Por iso, avogou por que “se tomen en consideración con forza para que o financiamento sexa máis positivo para Galicia”.