O secretario xeral acusa a Feijóo de “negar a verdade” sobre o baleirado dos encoros, que coñecía dende comezos do verán e “non tomaron ningunha medida”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo, minutos antes de asistir ao acto de apertura do curso académico, que “aumente os fondos estruturais” dedicados ás universidades públicas galegas.
O líder dos socialistas galegos sinalou que “a Xunta non lle pode quitar os cartos ás universidades públicas galegas para outros fins que non son prioritarios”. Así o dixo logo de subliñar que o goberno de Feijóo leva “anos escatimándolle fondos ao Sistema Universitario Galego mentres abre as portas a sistemas privados que nos preocupan”.
Así pois, Gonzalo Caballero reivindicou máis fondos para “que as universidades poidan facer unha mellor investigación, docencia e transferencia de resultados cara á sociedade galega” e fortalecer un sistema que “necesita profesores e investigadores máis novos” para manter a necesaria actualización de contidos.
Neste senso, apostou por un “novo plan de incorporación de persoal docente e investigador que poida incorporar novos coñecementos dende novas etapas profesionais”, así como polo apoio ao estudantado a través de máis bolsas de mestrado e a gratuidade das primeiras matrículas.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero deixou claro que os socialistas galegos “estamos a carón da comunidade universitaria e do lado dos tres reitores de Galicia, que reclaman un maior financiamento estrutural e reivindican unha aposta dende a Xunta pola docencia e a investigación das tres universidades”.
BALEIRADO DOS ENCOROS
En paralelo, o líder do PSdeG cualificou hoxe de “moi grave” que o presidente da Xunta negara onte ter sido informado do baleirado dos encoros, toda vez que as comunicacións da empresa coa Xunta evidencian que “faltou á verdade”.
Gonzalo Caballero emprazou a Feijóo a que “recoñeza que a Xunta estaba avisada, e que ademais ten mecanismos para evitar o baleirado dos encoros”.
“É necesario que o presidente da Xunta rectifique, que diga a verdade e que explique aos galegos e galegas por que non tomou ningunha medida neste sentido”, subliñou o responsable socialista.
INTEGRACIÓN E UNIDADE
En paralelo, a preguntas dos medios, o secretario xeral do PSdeG destacou o “esforzo por presentar listas de integración e unidade” no proceso de elección de delegados para o XL Congreso do PSOE. Porque, argumentou, “se todos os delegados de Galicia imos respaldar a Pedro Sánchez, non hai nada que nos poida dividir, máis alá de divisións artificiais e individualidades”.
Así é que nestes días a dirección galega acadou acordos coas executivas provinciais de Pontevedra, Lugo e Ourense, ao tempo que “estamos avanzando na Coruña, e agardo que haxa tamén un principio de acordo ao longo do día de hoxe”.
Á marxe de que “calquera poida presentar o seu nome” como candidato, Gonzalo Caballero apelou “a todos os compañeiros e compañeiras do PSdeG para que entendan que as listas de integración son o mellor camiño”.