O alcalde de Vilagarcía critica que os concellos non recibiron “un euro” extra para enfrontar a pandemia e que a Xunta reduce as súas transferencias no orzamento de 2021 en 4,5 millóns de euros
Santiago de Compostela, 23 de novembro 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na comisión de reconstrución de Galicia durante a comparecencia do presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, para sinalar que a “falla de compromiso” da Xunta cos concellos dificulta a prestación dos servizos sociais, así como outras tarefas que realizan.
De feito, Gonzalo Caballero reclamou ao goberno galego que “blinde” estes servizos “a carón dos concellos” e requiriu máis compromiso coa financiación e o mantemento da axuda no fogar.
A iso uniu o líder do PSdeG o feito de que a Xunta consignou “cero euros” de gasto extraordinario para que os concellos enfrontasen a pandemia, a pesares de que estiveron “atendendo aos veciños e dando axudas”, como así corroborou o propio presidente da Fegamp.
Ademais, Gonzalo Caballero preguntou a Alberto Varela pola información que a Xunta traslada aos concellos sobre o número de contaxios, os rastrexadores e as restricións acordadas, consciente de que, segundo o presidente da Fegamp, os alcaldes e alcaldesas “enteráronse de decisións que lle afectaban a través dos medios de comunicación”.
MÁIS FONDOS PARA OS CONCELLOS
Ao respecto, o alcalde de Vilagarcía lamentou que a información que a Xunta está ofrecendo aos concellos é “limitada”, e criticou tamén os fondos que consigna para as administracións locais.
Os concellos, recalcou o presidente da Fegamp, non recibiron “un euro” extra para enfrontar a pandemia. Ademais, criticou que a Xunta reduciu as súas transferencias no orzamento de 2021 en 4,5 millóns de euros.
“Os concellos están sometidos a un gran estrés económico que non saben canto tempo podererán soportar”, advertiu Alberto Varela, e reclamou un fondo extraordinario para os concellos.