O líder do PSdeG subliña que o expediente aberto ao xinecólogo de Verín amosa “a peor cara de Feijóo e do PP” e advirte que “non imos permitir purgas ou represalias contra quen defende a sanidade pública”
O secretario xeral subliña que a nova lei educativa “defende” a educación pública e “defende e respecta” a concertada, e recorda a Feijóo que ten que cumprir as leis
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe que Feijóo non abrira “pontes de diálogo” coa oposición a respecto dos orzamentos da Xunta que hoxe mesmo enviaron á Cámara.
“Preocúpanos que o PP e Feijóo non busquen consenso nin a través da comisión de reconstrución, nin pola vía parlamentaria nin en ningún outro foro”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente da “falla de rumbo” destes orzamentos.
“Non hai diálogo nin coas forzas políticas, nin cos sindicatos, nin coa sociedade civil…”, enumerou o secretario xeral do PSdeG, quen recalcou que a Xunta conta coa “man tendida” da oposición para “rectificar as súas políticas de recortes” e “para apostar por reforzar estado do benestar e dar impulso á economía”.
“Traballaremos arreo para dar a Galicia os orzamentos que necesita”, asegurou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que a Xunta “ten que pasar da propaganda aos contidos”. Polo de agora, incidiu, só existen “dúbidas”, á vista da “ocultación” dos proxectos cos que se pretenden obter fondos comunitarios e da “falla de compromiso” cos sectores máis afectados pola pandemia.
Ao fío disto, o dirixente socialista sinalou que aínda non hai un só hostaleiro ou pequeno comerciante que teña recibido axudas directas da Xunta, a pesares dos anuncios de investir máis de 17 millóns de euros para esta cuestión.
“Hai que poñer todas as capacidades da Xunta para protexer á cidadanía, cunha acción contundente na loita contra a desigualdade, a prol da recuperación económica e reforzando os servizos públicos”, reivindicou Gonzalo Caballero.
“REPRESALIAS” CONTRA O XINECÓLOGO DE VERÍN
En paralelo, o líder do PSdeG deixou claro que “non imos permitir purgas ou represalias contra quen defende a sanidade pública”, en referencia ao expediente aberto contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín.
“Estamos vendo a peor cara de Feijóo e do PP case un ano despois de que tiveran que dar marcha atrás no peche do paridoiro de Verín ante a presión social”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente de que Feijóo tentou “enganar” daquela esgrimindo que o peche obedecía a “criterios técnicos”.
Fronte a este “intento despiadado” por parte de Feijóo de “atacar a quen defende a sanidade pública”, dende o PSdeG “tomaremos todas as medidas ao noso alcance” para frear “este uso inadmisible do poder da Xunta” contra un médico.
LEI DE EDUCACIÓN
Finalmente, a preguntas dos medios de comunicación, o secretario xeral do PSdeG indicou que a reforma da lei educativa ten nos seus obxectivos “defender” a educación pública e tamén “defender e respectar” a educación concertada.
No caso dos centros que segregan ao alumnado por sexo, sinalou, “téñeno moi fácil” para seguir obtendo financiamento público: permitir que nenos e nenas convivan nas aulas.
Finalmente, ante as declaracións de Feijóo sobre o incumprimento da lei, Gonzalo Caballero recordoulle a súa obriga constitucional. “Non creo que Feijóo pretenda situarse á marxe da lei, como fixo Puigdemont noutras circunstancias”, concluíu.