O líder do PSdeG sinala dende Lugo que “onde a Xunta non cumpre coas súas competencias en políticas sociais, están os concellos e deputacións socialistas” e destaca que os e as lucenses están “en boas mans” con José Tomé á fronte da provincia
Lugo, 1 de xuño de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe a Feijóo que “fortaleza a sanidade e os servizos sociais” e “se desculpe polo seu erro na estratexia de deslealdade e desprestixio” tentando utilizar o estado de alarma contra o goberno de España. Así o dixo hoxe en Lugo, onde mantivo un encontro co presidente da Deputación, José Tomé, e os deputados provinciais socialistas.
Nese contexto, o líder do PSdeG puxo á Deputación de Lugo como exemplo de boa xestión e responsable “fronte a un PP que debilita a sanidade pública e os servizos sociais” e que caeu na “máxima irresponsabilidade opoñéndose ao goberno cando había que ampliar o estado de alarma e tamén cando había que retiralo”.
Apuntou que os e as socialistas “somos a mellor garantía para defender o proceso de vacinación, para a reactivación económica sen que ninguén quede atrás e para construír un escudo protector” para a xente. Na posición contraria situou a un PP que -irónicamente- “se cubriu de gloria torpedeando sistematicamente a xestión da covid” e que “optou pola irresponsabilidade de Estado”.
Logo de recordar como o PP alertaba dun “caos” trala suspensión do estado de alarma, Gonzalo Caballero resaltou o éxito do goberno de España coa campaña de vacinación á vista da axilidade coa que se está levando a cabo o proceso de inmunización e o avance cara á normalidade que vai supoñer.
DANANDO OS SERVIZOS PÚBLICOS
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG denunciou que a Xunta está “danando a sanidade pública”, tentando “converter a sanidade nun call center, onde un administrativo decide que cidadán ten dereito á atención presencial e cal a atención telefónica”.
O dirixente socialista requiriu ao goberno galego que reforce o sistema sanitario logo de que o conselleiro de Sanidade recoñecera que farán falta dous anos máis para que recupere o nivel anterior á crise. “Non podemos permitir este deterioro”, incidiu, logo de sinalar que hoxe hai unha espera para quirófano de 18 días máis que antes da crise, e de oito días máis para o especialista.
“Necesitamos 5.000 prazas máis para cubrir xubilacións, para garantir a estabilidade dos sanitarios e para que o sistema público funcione”, apostilou Gonzalo Caballero.
Ademais, no que atinxe aos servizos sociais, a política da Xunta ten situado a Galicia á cola de España, na posición 13 das 17 comunidades autónomas. “Están deixando unha ferida que non ten perdón”, remachou, consciente de que “onde a Xunta non cumpre, están os concellos e deputacións socialistas para facer o que a Xunta non fai”.
A xeito de exemplo, Gonzalo Caballero sinalou á xestión da Deputación de Lugo, situada “a carón dos cidadáns”, mentres a Xunta “deixou orfa á cidadanía galega e esqueceu as necesidades da xente”.
Ademais, lembrou que o goberno galego ten retidos nas súas contas 234 millóns de euros transferidos polo goberno de España que ten a obriga de transferir a pemes e autónomos. Ao respecto, esixiulle á Xunta que lle dea saída a estas partidas finalistas “imprescindibles para a recuperación dos pequenos empresarios e os autónomos de Galicia” mentres denunciou “a desidia, a falla de compromiso, a falla de xestión e a política de brazos caídos de Feijóo, que non son de recibo ante a maior crise económica e social” da historia.
ALCOA
No relativo á situación de Alcoa, Gonzalo Caballero chamou á Xunta a “deixarse de medias tintas e a cooperar” para manter a estratexia de unidade co goberno de España e exercer así “toda a presión” para “gañarlle a batalla” á empresa e desbloquear a venta da planta de San Cibrao.
Lembrou que foi o Ministerio de Industria o que conseguiu que a multinacional mantivera aberta a planta e abrira o proceso de venta con Liberty House e agora aos distintos inversores interesados, pero ese esforzo hai que mantelo e concluilo.
O líder dos socialistas galegos ratificou que os traballadores teñen o apoio socialista para facer presión á empresa e conseguir gañarlle o pulso á multinaciinal, porque “non pode ser que unha empresa que recibiu centos de millóns de euros de axudas públicas deixe unha actividade que ten posibilidades” e unha industria que resulta fundamental para o sector industrial de España.
JOSÉ TOMÉ: “REFORMULAR O MODELO”
O presidente da Deputación de Lugo foi o anfitrión do encontro de hoxe, no que os socialistas da provincia analizaron a situación de Lugo xunto co secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG.
José Tomé defendeu o modelo de residencias públicas da Deputación provincial, que puxo como exemplo do camiño que debe seguir a Xunta para “reformular un modelo que non serve”.
Ademais, o presidente da Deputación provincial sinalou a urxencia de que a Xunta “acometa dunha vez un plan industrial para Lugo” a fin de “fixar poboación e desenvolver actividade económica”.
Tamén reclamou José Tomé o desenvolvemento das infraestruturas que o goberno galego deixou desatendidas, e citou a VAC da Costa, a Ronda Leste de Lugo, o desdobramento do corredor Nadela – Sarria – Monforte, ou os accesos ao porto seco de Monforte.