O secretario xeral ofrece “integración a todo o partido” nun tempo no que “todos somos necesarios, pero non hai solucións máxicas” e no que cómpre “seguir avanzando para fortalecer o PSdeG”
Santiago, 24 de setembro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, plantexou hoxe ao Comité Nacional o calendario orgánico que rematará coa celebración do XIV Congreso Nacional os días 7 e 8 de decembro.
No calendario recóllese tamén a data do 30 de outubro para a primeira volta das primarias, unha cita que vén precedida dun prazo que abarca do 29 ao 30 de setembro para presentar candidaturas, doutro para recoller avais (do 1 ao 13 de outubro) e de 10 días máis, do 19 ao 29 de outubro, para facer campaña. O 6 de novembro é a data fixada para a segunda volta das primarias. Logo das xornadas de votación, e ata a celebración do congreso, será tempo para traballar na ponencia marco que fixará a orientación do proxecto socialista para os vindeiros anos.
Por iso, na súa intervención ante o Comité Nacional, Gonzalo Caballero apelou á militancia socialista, que é “a que determina quen ten responsabilidades, cal é o proxecto e que compañeiros e compañeiras están en cada lugar”, para pedirlle “todo o impulso e toda a forza para construír o mellor proxecto para o PSdeG”.
Así o dixo logo de reivindicar que o PSdeG é “o instrumento útil para traballar polos galegos e polas galegas, para darlle resposta aos seus problemas”, tal e como amosa o feito de que “somos o partido que nuclea a gran parte da cidadanía galega”. Aludiu deste xeito a que “gobernamos ao 55% dos galegos e das galegas” dende os concellos, con 113 alcaldías e o liderado de cinco das sete grandes cidades; a que presidimos tres das catro deputacións; e a que temos 14 parlamentarios e parlamentarias, 10 deputados e deputadas e 6 senadores e senadoras.
Neste punto, Gonzalo Caballero reivindicou que o PSdeG é “a segunda forza política de Galicia”, ata o punto de que “ninguén cambiaría a nosa representación actual” pola do BNG. “Non podemos caer no pesimismo; estamos fortes”, subliñou.
“SEGUIR CONSTRUÍNDO”
Ao fío disto, o líder do PSdeG fixo balance da situación do partido para destacar que está “moito mellor” que cando el accedeu á secretaría xeral e que “avanzamos en nivel de apoio” en todas as citas electorais dende entón. Ata o punto, remarcou, de que “gañamos as eleccións en Galicia por primeira vez” tanto en xerais como en europeas.
“Temos máis músculo, máis capacidade e estamos centrados nos problemas dos galegos e das galegas”, apuntou, ao tempo que se amosou “convencido de que é necesario un PSdeG forte para traballar por unha Galicia mellor”.
“Fronte a un PP que debilita o público e que carece de política económica para a reactivación e fronte a un nacionalismo galego abrazado ao independentismo catalán, temos que enfrontar os novos retos con dedicación, compromiso e exemplaridade ao servizo de Galicia”, formulou Gonzalo Caballero.
De aí que chamou a “seguir construíndo” e “amosando que temos respostas” coa vista posta tamén nas vindeiras eleccións locais e xerais, no ano 2023. “Con unidade e lealdade, volveremos acadar resultados históricos”, proclamou.
“UNHA GALICIA MELLOR”
Con esa referencia de “construír unha maioría transversal en Galicia” e un proxecto no que “todos os galegos se sintan cómodos”, como fixeron Fernando González Laxe ou Emilio Pérez Touriño en etapas anteriores, o máximo responsable do PSdeG apelou a “traballar todos xuntos por unha Galicia mellor”.
“Se nos une o fundamental, que é o amor a Galicia e o compromiso galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas, temos que poñer por riba de todo o interese colectivo”, apostilou Gonzalo Caballero, quen incidiu na importancia de que eses sinais de identidade se vexan reforzados “cun compromiso coa exemplaridade pública e cun comportamento ético dende as institucións”.
E, no contexto da reactivación trala crise derivada da pandemia, deixou claro que é tempo de “unidade” porque “a xente non nos perdoaría que estivéramos mirando máis para nós que para eles” nun momento no que “a mocidade non atopa futuro no país” ou no que as listas de espera para o centro de saúde chegan “ata os 26 días”.
OFRECE “INTEGRACIÓN A TODO O PARTIDO”
Precisamente por iso, por “responsabilidade”, Gonzalo Caballero garantiu “unidade e lealdade” e ofreceu “integración a todo o partido”, para que todos teñan “espazos confortables para traballar”. “Porque todos somos necesarios e ninguén imprescindible, pero non hai solucións máxicas”, engadiu.
Así pois, do mesmo xeito que apelou á “unidade” e á “integración” para a confección das candidaturas galegas ao congreso federal, chamou a toda a militancia socialista a “seguir avanzando xuntos para fortalecer o PSdeG”.
E, tras anunciar que a expresidenta do Parlamento Dolores Villarino será a presidenta do comité organizador do XIV Congreso Nacional do PSdeG, amosouse disposto a “seguir traballando coa mesma intensidade destes catro anos” polo proxecto socialista. “Eu estou optimista, con ganas e con toda a responsabilidade”, concluíu.