O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha moción socialista para poñer freo á perda de poder adquisitivo das pensións. Logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da próxima sesión plenaria, o responsable socialista reclamou ligar as pensións ao IPC.
Criticou o factor de actualización das pensións, situado no 0,25 por cento que en realidade agocha unha perda de poder adquisitivo especialmente grave para persoas que “xa non teñen capacidade de adquirir ingresos complementarios”. A iniciativa supón, explicou, unha “chamada de atención ao goberno central para que a Comisión do Pacto de Toledo poña fin a un factor de actualización lesivo”.
Esta moción será debatida no próximo Pleno do Parlamento, no que Fernández Leiceaga centrará a sesión de control ao presidente na situación dos estudos de posgrao de Galicia, e sinaladamente os Másteres prestados polas universidades públicas. O responsable socialista reclama a implicación do goberno para garantir uns estudos de calidade e que garantan ademais o acceso igualitario.
Sinalou que o goberno galego en o deber de mellorar a política de bolsas públicas “rácana e cicateira” do Ministerio de Educación para situar ao sistema universitario galego “no nivel que merece”.
Instou a impulsar un sistema que “afortunadamente non ten un problema de credibilidade” como o que está a provocar a presidenta de Madrid logo de “ter instado unha confabulación para conseguir un título sen mérito nin traballo, mesmo mentindo de forma flagrante diante da Asamblea de Madrid”.
Transporte
A próxima sesión plenaria continuará cunha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que estenda a gratuidade de transporte público para mozos e mozas tamén ao sector rural precisamente cando deber a comezar a perfilar os plans de transporte.
Fernández Leiceaga advertiu que estes mozos deben percibir o mesmo servizo co que contan os rapaces e rapazas no transporte metropolitano cando dependen deste servizo como única vía de comunicación.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para pedirlle ao goberno galego que presente un informe sobre a aplicación do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. Advertiu que as políticas públicas “ademais de proclamarse, deben executarse e ser avaliadas” para analizar a súa efectividade.
Os socialistas tamén incluirán unha interpelación relacionada coas políticas do goberno galego en materia de prevención do abandono escolar, así como sobre a mellora das condicións de traballo no sector público, diante do grave problema da precariedade sinaladamente nos sectores sanitario e educativo e a conflitividade laboral na xustiza.
Finalmente, o Grupo Socialista presentará dúas preguntas orais sobre o fracaso das políticas de prevención na expansión da praza de couza guatemalteca da pataca e das condicións dos helicópteros que prestan actualmente o servizo de salvamento marítimo.