O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o “fracaso” do goberno galego na implantación dos programas de especialización en idiomas Pluribach e do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que advertiu da escasa participación dos centros e alerta dunha “asimetría en favor dos institutos privados urbanos”.
Álvarez explicou que no caso do Pluribach, logo dunha primeira convocatoria na que participaron apenas 4 centros de Ensino Secundario, dos 294 que hai na Comunidade Autónoma –apenas o 1,3 por cento-, a segunda convocatoria, organizada este ano, obtivo idéntico resultado de 4 centros -2 públicos e 2 privados- a pesares de ter sido convocada con tempo suficiente.
O responsable socialista explicou que, ademais da escasa participación, a convocatoria provoca unha “evidente desproporción” na participación de centros privados -1 de cada 18- en detrimento aos públicos -1 de cada 55-. Ademais sinalou unha “clara preponderancia de centros situados en contornas urbanas, que puidera ter relación co uso de transporte escolar, xa que as asignaturas se imparten fora do horario lectivo.
Bacharelato de Excelencia
Ademais, apuntou tamén ao escaso interese con respecto ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, xa que só o solicitaron 16 centros do total de 294 –o 5,44 por cento-, e resultaron seleccionados 15 –o 5,1 por cento-. Neste caso, ademais de repetir o evidente sesgo en función do transporte escolar, sinalou que a decisión sobre a participación dos centros foi depositada nos departamentos destas materias sen tempo para debater a adhesión ao programa.
Álvarez reclamoulle ao goberno galego que explique “cantos alumnos teñen participado, así como un informe sobre as causas da escasa aceptación”, así como do impacto do transporte escolar na decisión final dos alumnos e desafiounos a “garantir que ningún alumno tivera que renunciar a participar por problemas co transporte”.