Cuestiona que o presidente da Xunta escolla “frivolizar” cos beneficios da suba dos combustibles “no momento en que máis necesitamos seriedade e solvencia”
Sinala que “preocupa que o presidente Xunta estea na súa carreira electoral nas Fallas de Valencia mentres a flota permanece amarrada ou os tractores parados”, e remacha que “é necesario que a sociedade perciba que o goberno se preocupa polo seu país”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vén de solicitarlle ao presidente da Xunta unha reunión urxente para acordar as medidas de apoio aos sectores máis afectados polo “escenario crítico que ten que afrontar o país”. Formoso compareceu en rolda de prensa para dar conta dunha misiva que lle ten remitido hoxe ao presidente da Xunta pedindo un encontro para conformar un acordo de apoio á economía e á sociedade galegas.
O líder dos socialistas galegos sinalou a necesidade de que “a sociedade perciba que o goberno se preocupa do seu país” e de poñer en marcha as medidas necesarias para afrontar unha crise “que se prevé que vai ser longa no tempo”. Trasladou a súa “preocupación” por que Feijóo estea ofrecendo unha “fotografía nas fallas de Valencia nunha carreira electoral á que se presenta en solitario” mentres “a flota de baixura queda sen apoio do goberno”.
Criticou ademais que en lugar de propoñer solucións, o presidente da Xunta teña “frivolizado” cos supostos beneficios do Estado pola suba dos carburantes, na liña de “forzas populistas estremas”. Lembrou que estes ingresos fiscais reverten nas autonomías “para financiar a sanidade, a educación ou a xustiza”, e puntualizou que “o que menos necesita o país” é precisamente “frivolizar no momento en que se necesita seriedade e solvencia”.
Por este motivo propuxo unha “reunión necesaria” á que os socialistas galegos acudirán “en actitude positiva e construtiva” co obxectivo de poñer enriba da mesa un “gran acordo enerxético para o país”. Subliñou que o goberno “ten que garantir o subministro enerxético ao tecido produtivo e tamén ás familias galegas” cando hai “milleiros de familias en risco de exclusión enerxética”.
González Formoso emprazou ademais a pechar acordos parlamentarios en “proxectos enerxéticos” para que o goberno galego “lidere a política enerxética” e impida que “fábricas como Megasa non teñan que estar paradas”. A nivel de transporte, propuxo a rebaixa das peaxes de titularidade autonómica –Val Miñor ou AG-55 a Carballo- ou dos custes da ITV do 75 por cento para transportes e do 50 para usuarios xerais, que tamén teñen que darse na AP-9, de titularidade estatal.
No relativo ao sector primario, propuxo a redución ou suspensión temporal das taxas portuarias do sector pesqueiro, así como liñas de axuda para afrontar a suba dos custes do gasóleo que permitan operar á flota de baixura.
En definitiva, reclama liñas de axuda estatais e autonómicas para facilitar a adquisición de materias primas, e que “un gandeiro de Corme ou un agricultor de Vilalba non teñan que ver a Feijóo en Palma ou Valencia mentres ten o barco no porto ou o tractor nunha nave porque non lle rende”.
Ademais, propuxo triplicar as familias beneficiarias do bono social eléctrico para “como mínimo triplicar os beneficiarios, ata os 15.000, reducindo o limiar para acceder ás axudas”. Lembrou que se trata dun recurso “pensado para uns prezos da luz razoables”, cando os 1,9 millóns orzamentados para 5.000 beneficiarios resultan “escasos” no actual escenario de prezos da enerxía.
Explicou que as medidas contemplan tamén a esixencia ao goberno do Estado da redución de tarifas eléctricas, as peaxes de transporte de gas e das redes de alta tensión, ou a redución dos custes enerxéticos, “conscientes de que o meollo do prezo da enerxía” pasa pola modificación do pool eléctrico que “todo parece indicar” que afrontará a UE nos próximos días.