O secretario xeral do PSdeG empraza ao presidente da Xunta a tomar decisións para resolver o colapso na sanidade, apostar pola retención de talento e pola “garantía pública” no coidado dos maiores
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, referiuse este martes á reunión que manterán Alfonso Rueda e Pedro Sánchez e sinalou que o presidente da Xunta “ten que facer tamén os deberes en Galicia”. Incidiu en que hai xa mes e medio o PSdeG trasladoulle a necesidade de tomar medidas para resolver o colapso na sanidade, apostar pola retención de talento e pola “garantía pública” no coidado dos maiores.
Formoso lembrou que no encontro mantido con Rueda, o pasado 6 de xuño, puxo sobre a mesa tres grandes cuestións para abordar no prazo máis inmediato. Estas son o colapso sanitario da atención primaria, a necesidade de reter o talento mozo que produce Galicia e a garantía da xestión pública nas residencias da terceira idade.
No que atinxe á asistencia sanitaria pediu reforzar a atención primaria con 139 millóns de euros no orzamento da Xunta, permitindo recuperar o nivel de profesionais sanitarios que o Sergas tiña no ano 2009, que eran case mil máis só na atención primaria.
A situación é límite como así demostran as constantes dimisións dos xefes de atención primaria e o aumento do colapso nos hospitais. Subliñou que “abordar ese problema de forma urxente en Galicia é prioritario para o PSdeG e debería selo para o presidente da Xunta”.
En materia de retención de talento, a aposta do PSdeG baséase en aumentar o gasto público en I+D ata o 3% do PIB galego, co obxectivo final de aumentar a actividade no sector tecnolóxico e na investigación, evitando así que os mozos e mozas galegos se vexan na obriga de ter que marchar en busca de oportunidades laborais dignas.
Sobre o coidado dos maiores, Formoso reclamou un novo modelo de residencias para ter a “garantía pública na xestión que merecen os nosos maiores” fronte ao modelo actual onde o PP deixou en mans privadas a xestión destes centros, coas terribles consecuencias que se puideron ver durante a pandemia.