O líder dos socialistas galegos e o portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Patxi López, interveñen no acto de presentación dos candidatos e candidatas da comarca
Oleiros, 04 de marzo de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou hoxe aos candidatos e candidatas socialistas da comarca da Coruña como “piares” da protección social, o emprego e o dinamismo económico de Galicia. Así o dixo na presentación dos candidatos e candidatas do PSdeG na comarca da Coruña, que se celebrou hoxe en Oleiros coa presenza do portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López.
Formoso subliñou que os socialistas galegos poñen á fronte das candidaturas “aos mellores nomes de homes e mulleres de ideoloxía socialdemócrata centrada” para liderar os concellos que son, dixo, a “referencia política” da vida da cidadanía. Por iso, dixo, os socialistas galegos sitúan aos mellores candidatos como referentes das alcaldías, “para que a xente perciba que sen o PSOE o mundo municipal é moito peor”.
Puxo á área metropolitana da Coruña como mostra o impulso do socialismo á fronte dos concellos, coa “gran bandeira” que representa a cidade da Coruña, que conta coa socialista Inés Rey como a primeira alcaldesa da historia da cidade, e que ten “a gran fortaleza de ter recuperado o orgullo de cidade”.
O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, salientou que as candidaturas socialistas ofrecen aos “mellores alcaldes e alcaldesas, que demostran o que somos capaces de facer os socialistas”, que ven á política municipal como “básica” para construír a “arquitectura institucional do país”.
López aludiu ao anuncio do presidente do goberno dunha Lei de representación paritaria nos órganos de decisión, que amosa que “cada día engadimos unha razón máis para votar ao PSOE”, e que “testifica unha vez máis que o partido feminista de España é o PSOE”.
Sinalou que grazas a esta Lei “vamos romper os teitos de cristal, demostrando que a igualdade é para o PSOE un compromiso que non queremos eludir de ningunha das maneiras” e polo que “vamos loitar permanentemente”.
O secretario provincial da Coruña, Bernardo Fernández, sinalou que “vamos recuperar a comarca e tinguila de vermello como foi noutros tempos” e amosar que “o PSOE é a mellor opción para estar á fronte das institucións”. Fernández aludiu á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os alcaldes de Culleredo e Cerceda, José Ramón Riobóo e Juan Manuel Rodríguez, e os candidatos de Cambre -Diego Alcantarilla-, Arteixo -Patricia Boedo- e Oleiros -Carmen Acuña-.