O líder dos socialistas galegos visita as instalacións de Aspanas en Ourense, onde critica a “insensibilidade” da Xunta coa entidade e as persoas con discapacidade
Defende a candidatura encabezada por un Francisco Rodríguez que permita á cidade volver a soñar e recuperar o talento da xente nova e a cidadanía orgullosa da súa identidade” como pobo
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo hoxe en Ourense que “quedan poucos días para que Ourense decida se quere ser noticia polos esperpentos” de Jácome e do PP, ou “polos logros dunha das cidades máis importantes de Galicia” da man dun alcalde coma Francisco Rodríguez. Así o dixo na visita á cidade xunto co candidato socialista.
Salientou que a cidade “necesita volver a soñar e recuperar o talento da xente nova, que estea orgullosa da súa identidade”, da man dun alcalde como Rodríguez, que poña ao día e garanta os investimentos necesarios para que un colectivo como o das persoas con discapacidade teña “amparo público”.
Ese amparo, subliñou, virá da man de Rodríguez “como ocorre en cada unha das 113 vilas e cidades onde hai un alcalde ou alcaldesa socialista”. Así o dixo na visita ás instalacións en Ourense ao centro residencial da Asociación de apoio ás persoas con discapacidade intelectual -Aspanas- xunto co candidato socialista á alcaldía.
Valentín González Formoso lamentou a “insensibilidade” amosada polo goberno galego, dirixido polo PP, na atención ás persoas con discapacidade. Denunciou que a desatención do goberno galego provoca que “persoas con dificultades teñan que afrontar vivir día a día nunhas instalacións indignas”, impropias dunha Galicia “inmersa no proxecto europeo”.
Reclamoulle á Xunta que empregue as axudas europeas para “destinar de forma inmediata fondos a rehabilitar este espazo”. Reivindicou que a discapacidade “teña atención urxente por parte do goberno galego” en Ourense, unha cidade á que, dixo, “a Xunta lle leva dado as costas nos últimos anos”.
Contrastou o desleixo do goberno galego cun proxecto socialista que onte mesmo vén de anunciar un novo reforzo de 500 millóns de euros para a atención primaria por boca do presidente do goberno, Pedro Sánchez.
Ourense
O candidato socialista, Francisco Rodríguez, apostou por “recuperar a dignidade como pobo” de Ourense, que situou “tamén na atención aos colectivos que máis o necesitan”, neste caso o das persoas con discapacidade intelectual. Apuntou que “non podemos seguir sentíndonos indignos e avergoñados de vivir nunha cidade fermosa e con futuro: isto non pode seguir”.
Referiuse así aos continuos escándalos dun alcalde que, lembrou, leva catro anos apuntalado polo apoio do PP, en quen tamén recae “a responsabilidade da desatención aos servizos sociais”. Lembrou o apoio dos socialistas á integración laboral destes colectivos dende a etapa de goberno á fronte da alcaldía de Ourense.
Chamou á “reflexión” da cidadanía de Ourense para que “isto acabe e empece un futuro de esperanza para todos e todas”. Salientou as “vibracións extraordinarias” da cidadanía cun equipo socialista “tremendamente motivado”, cunha candidatura “moi ilusionada, moi implicada”, con perfís novos vocacionais, que constitúen “unha sorte para todos e todas, e sobre todo para a cidadanía de Ourense”.