O secretario xeral do PSdeG mantivo unha reunión co comisario de Emprego, que lle trasladou a súa preocupación pola elevada proporción de contratos precarios no ámbito da sanidade pública
Culmina o seu maratón de contactos coas autoridades comunitarias que lle permitiu trasladar os principais problemas de Galicia e aportar algunhas propostas
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou hoxe a axenda de traballo que desenvolveu ante as autoridades europeas, pois permitiulle trasladar as preocupacións dos galegos e aportar algunhas propostas. Do mesmo xeito, sinalou que ese labor tería que telo feito o presidente da Xunta e criticou que aínda non dera este paso.
O líder dos socialistas galegos fixo balance da súa ronda de contactos despregada durante tres días en Estrasburgo, nos que se entrevistou con mandatarios comunitarios de especial relevancia para Galicia, como son a responsable de Cohesión, o de Medio Ambiente e Pesca, a de Enerxía ou o de Emprego, así como co Alto Representante da Política Exterior da UE e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, aparte de varios representantes do Grupo S&D na Eurocámara.
Logo desta viaxe na que se ocupou de “trasladar os problemas dos galegos e das galegas” aos distintos líderes europeos e “aportar solucións”, sinalou que debería ser Alfonso Rueda quen fixera este traballo, pois subliñou que o presidente da Xunta “tivo tempo de sobra” para achegarse aos responsables europeos a transmitir “os temas que afectan á cidadanía galega”.
Formoso incidiu na relevancia dos encontros mantidos, xa que en Europa tómanse as decisións nos ámbitos da pesca, da enerxía, das infraestruturas ou de investimento, con todo o que iso comporta. Para o mandatario socialista é de especial relevancia que o presidente da Xunta cumpra esa función que consiste en “achegar Galicia a Europa”.
Da reunión coa comisaria de Cohesión, recalcou as conclusións compartidas sobre a necesidade de conectar territorios da periferia europea como é Galicia, en especial na súa conexión ferroviaria co norte de Portugal, así como a proposta de incorporar o criterio de despoboamento no reparto dos fondos de cohesión, que axudaría a loitar contra o “baleirado de xente” do rural galego. Tamén amosou o ofrecemento de que Galicia sexa o “motor enerxético verde” do reto europeo da transición.
En canto á reunión co responsable de Pesca da Comisión Europea, Formoso reivindicou a importancia do compromiso de que se fagan estudos científicos que poidan nun futuro reverter a decisión de prohibir a pesca de arrastre en distintos caladoiros galegos, o que afecta a gran parte dun sector que alimenta a 160.000 familias na comunidade autónoma.
PRECARIEDADE NA SANIDADE
O secretario xeral dos socialistas saíu “gratamente sorprendido” do encontro mantido co eurocomisario de Emprego e Dereitos Sociais, o luxemburgués Nicolas Schmit, xa que lle transmitiu a súa preocupación polas “queixas constantes” que recibe da precariedade e temporalidade do emprego na sanidade galega, coincidindo coa postura do PSdeG de que a falta de “condicións dignas e estabilidade” é a principal razón da falta de médicos que está a sufrir o Sergas.
Formoso incidiu nesta tese de que a temporalidade excesiva coa que chega a haber contratos de semanas ou días para os profesionais sanitarios, “ata de horas no caso de enfermaría”, é a causa principal de que os traballadores e os MIR prefiran ir a outras comunidades autónomas que ofrecen “mellores condicións e mellores salarios” nos seus servizos de saúde públicos.
Co responsable de Emprego tamén tratou o problema da emigración da xente moza, sendo para Formoso “unha realidade que preocupa máis que calquera outra”, xa que a marcha de 47.000 xoves de Galicia na última década pola “falta de oportunidades para o seu proxecto de vida” significa a “morte do país” e, ademais, unha perda económica para a sociedade que gasta en formalos para que aporten a outros territorios.
GRUPO SOCIALISTA
Formoso tamén mantivo unha reunión coa coordinadora da área de Agricultura e Pesca do Grupo dos Socialistas e Demócratas (S&D) no Parlamento Europeo, Clara Aguilera, coa que tratou a importancia de traballar para garantir os dereitos dos pescadores galegos, coa prohibición da pesca de arrastre en varios caladoiros que se tratou co comisario de Pesca e Medio Ambiente.
Igualmente, entrevistouse coa presidenta do Grupo S&D, Iratxe García-Pérez, coa que analizou o actual contexto político que marcou tamén o debate sobre o estado da Unión celebrado este mércores en Estrasburgo.