O líder dos socialistas galegos denuncia o “desleixo da Xunta co seu propio territorio” no novo mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada
Ratifica a súa disposición a acordar o incremento orzamentario para recuperar os 1.000 profesionais sanitarios perdidos dende 2009: “non só sinalamos o problema, senón tamén a solución”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, responsabilizou hoxe á Xunta da desaparición de 300 pequenas empresas familiares de transporte no novo mapa concesional galego de transporte de viaxeiros por estrada. O goberno galego, incidiu, “deixou sen cobertura e sen frecuencias mínimas practicamente todo o territorio galego do interior”.
O responsable socialista criticou o “desleixo da Xunta co seu propio país” no relativo ás concesións de transporte por estrada, que “concentran en 3 grandes empresas, a maioría vinculadas a fondos de inversión internacional”, prexudicando a conectividade do interior. Lamentou esta situación por parte dun goberno que “enche a boca de falar da Galicia baleirada”.
O líder dos socialistas galegos apuntou á responsabilidade do goberno galego logo das críticas que dende o Executivo autonómico e o PP están a dirixir contra o borrador do mapa de rutas presentado polo goberno central. Formoso confirmou que “tamén queremos denunciar o sistema no ámbito estatal” polos recortes que aplica xa que, dixo, “nós si que poñemos o interese xeral de Galicia por riba das siglas”.
Sanidade
Valentín González Formoso tamén aludiu á situación de colapso sanitario, para puntualizar que “a oposición do PSdeG é construtiva e non só sinalamos o problema, senón tamén a solución”. Confirmou que “estamos dispostos a sentarnos nunha mesa co orzamento da Xunta para 2023 e intentar igualar o que o resto de territorios do Estado invisten en atención primaria”.
Apuntou que o resto do Estado inviste nestas partidas un 10 por cento máis que a Xunta, en torno aos 140 millóns de euros adicionais que “serían necesarios para recuperar os case 1.000 profesionais sanitarios que se perderon dende 2009”, cando Feijoo chegou ao goberno galego”.
Así o dixo en resposta ás críticas do PP logo da reunión mantida entre Formoso e o presidente da Xunta o pasado luns, na que o líder socialista lamentou a falla de concreción de Rueda con respecto ás competencias propias do goberno galego. Puntualizou que “o que fixemos foi poñer negro sobre branco unha situación que preocupa sobremanera á sociedade galega”.
Emprazou ao presidente da Xunta a preguntarlle “a calquera usuario da sanidade ou da atención primaria” que ten que agardar “14 ou 15 días” par ser atendido, e “se ten sorte”, así como aos pacientes que agardan entre 7 e 9 meses polo resultado dunha proba diagnóstica, ou ao “usuario de urxencias do CHUAC que están 48 horas agardando postrados nos corredores a que lles asignen unha simple habitación”.