O líder dos socialistas galegos lamenta que a propia Xunta así o evidencia cando limita a contratación a 6 meses
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo hoxe que as medidas de contratación de médicos anunciadas esta semana polo presidente da Xunta son “fume” e un “parche electoral”. Así o constata a propia Xunta cando limita a contratación a un prazo de 6 meses ás portas das eleccións municipais, dixo antes de participar na Festa do Butelo de A Fonsagrada.
Formoso sinalou que “os problemas da sanidade pública non se resolven con parches”, senón con “máis recursos”. Emprazou ao goberno galego a implicarse con “máis orzamento” para “mudar a política laboral” da sanidade galega. Advertiu que as difíciles condicións impostas polo PP dende a Xunta provocaron o éxodo de 5.000 médicos formados en Galicia a outras autonomías “e mesmo a outros países”.
O responsable socialista puxo á Fonsagrada como exemplo “do que ocorre en todo o rural de Galicia” ao que o goberno galego “dalle as costas”, con cada vez menos servizos educativos e tamén con “menos centros de saúde”. Emprazou así ao rural galego a unirse ao “grito” en defensa da sanidade pública na manifestación que “vai poboar mañá as rúas de Compostela.
Sinalou que a montaña luguesa é un exemplo claro das consecuencias do desmantelamento dos servizos sanitarios por parte do goberno galego. Explicou graficamente que unha embarazada ten que desprazarse 50 quilómetros para facer seguimento do seu embarazo, o mesmo percorrido por estradas de montaña que ten que afrontar por exemplo alguén que teña que facer rehabilitación.
Dixo que na montaña luguesa, ao igual que en todo o rural de Galicia, as familias teñen un servizo esencial como o de Pediatría “un día á semana”. Resumiu que Galicia “necesita” dun goberno “que vele pola sanidade pública” e que a sitúe como prioridade, “e non beneficiar á privada, como está a facer a Xunta”.