O líder do PSdeG mantivo unha reunión de coordinación cos deputados e senadores galegos de cara á “fiscalizar e dinamizar” os orzamentos do Estado no relativo a Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Valentin González Formoso, puxo en valor este sábado o compromiso do goberno central con Galicia, ao tempo que resaltou a lealdade coas institucións do Estado, pero advertiu de que os socialistas “defenderemos por riba de todo os intereses dos galegos e das galegas”.
No eido dunha reunión de coordinación celebrada en Santiago cos dezaseis representantes no Congreso e no Senado e co delegado do Goberno, José Miñones, Formoso repasou as liñas políticas estratéxicas e os proxectos lexislativos pendentes para o que resta de lexislatura, e remarcou o “obxectivo único” de defender “por riba de todo” os intereses xerais da comunidade.
O número un dos socialistas galegos emprazou aos representantes das Cortes Xerais a “fiscalizar” o nivel de execución dos Orzamentos Xerais do Estado no relativo aos investimentos na comunidade autónoma, impulsando iniciativas para dinamizar a materialización real dos compromisos do goberno de Pedro Sánchez que reflicten as contas.
Amosou a satisfacción dos socialistas galegos cun “orzamento récord” debido ao aumento do investimento en Galicia de 1.054 millóns de euros. Sen embargo, o socialista insistiu en que a súa función é “ser leais co partido a nivel federal, pero nunca deixar de ser leais coa cidadanía que nos elixiu como representantes”.
Formoso desvelou que na súa primeira conversa con Pedro Sánchez como secretario xeral do PSdeG, advertiulle de que “a función dos socialistas galegos é estar vixiantes e esixir ao goberno melloras para Galicia”, polo que estas demandas non son unha sorpresa para o executivo central.
Entre os investimentos “dos que depende o benestar dos galegos e das galegas”, Formoso citou case todo o territorio da comunidade, en distintos ámbitos como o das grandes infraestruturas, a enerxía ou sectores industriais como o da automoción ou o naval.
As máis destacadas son as cinco fragatas F-110 de Ferrol e a infraestrutura portuaria que configuran “o maior contrato naval da historia de Galicia”, cun total de 6.000 millóns de euros comprometidos, pasando pola liña alta tensión da que depende o futuro de Stellantis en Vigo, a autovía A-54 que enlaza Santiago con Lugo ou as infraestruturas ferroviarias de alta velocidade que afectan a toda Galicia.
Formoso quere fuxir dos números, xa que salientou que “detrás de cada cifra hai a esperanza de persoas e familias cuxo futuro depende delas”. Son cifras que se traducen “nun posto de traballo, unha axuda á dependencia ou a suba dunha pensión”, entre outras moitas medidas que conformar o escudo de protección social creado polo goberno.
“COMPROMISO INDUBIDABLE” CON GALICIA
A pesar de que considera que “o compromiso do goberno con Galicia é indubidable”, non deixou de facer novas demandas ao executivo polas que traballarán as dezaseis persoas que “defenden os intereses dos galegos no Congreso e no Senado”.
Entre os asuntos dos que “están vixiantes” citou a aceleración da chegada dos trens Avril ou a incorporación de Stellantis ao Perte de automoción, como materias pendentes do goberno central.
Como coordinador dos representantes do PSdeG nas Cortes Xerais, o senador lucense César Mogo, na súa labor de coordinador dos representantes do PSdeG no Congreso e no Senado, destacou a importancia de facer unha reunión para que “o secretario xeral marcara criterios políticos para os representantes en ambas cámaras”.