O secretario xeral do PSdeG viaxou ata o Congreso dos Deputados con representantes do sector para abordar a incorporación das súas demandas na tramitación da nova Lei de Pesca Sostible
Destaca tamén que as melloras laborais se recoñezan agora cun presidente do goberno socialista e non “cando había un galego na Moncloa”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acudiu xunto con representantes do sector das bateeiras, redeiras e mariscadoras ao Congreso para abordar as súas demandas recollidas na Lei da Pesca Sostible.
Formoso sinalou que se está a resolver unha “débeda histórica” cun colectivo Estratéxico e moi querido en Galicia” ao recoñecer as complicadas condicións do seu traballo e incorporalas no aumento do coeficiente redutor a través da nova lei de pesca que se está a tramitar en Madrid.
O número un dos socialistas galegos reuniuse no Congreso dos deputados, entre outros, co portavoz parlamentario do grupo socialista, Patxi López, coa portavoz socialista de Pesca, Ariagona González, co deputado galego que está na Comisión de pesca, Javier Cerqueira e co deputado galego Guillermo Meijón.
Aos representantes do Partido Socialista quixo agradecerlles o seu traballo e a “sensibilidade” que amosan co sector, polo que destacou que que as melloras laborais se recoñezan agora cun presidente do goberno socialista e non “cando había un galego na Moncloa”.
A aplicación do coeficiente redutor ao 0,15 tradúcese en que as estas traballadoras poderían xubilarse “un pouco antes” que o resto da poboación, pola especial dureza da súa labor. Este dereito xa o tiñan recoñecido distintos traballadores do sector pesqueiro, polo que sería equiparar a unha parte do colectivo pesqueiro que é especialmente singular en Galicia.
Formoso incidiu na importancia de que as redeiras, bateeiras e mariscadoras, que son un total de 4.700 persoas, só contando as mulleres, teñan a oportunidade de prexubilarse a través do coeficiente redutor. Sendo unha labor “moi dura” que é recoñecida dende hai moito tempo pola sociedade galega, non era lóxico para Formoso que non tiveran recoñecido ese dereito.
De cara ao futuro, González Formoso emprazou ao goberno do Estado a que se fagan estudos para testar a dureza e as difíciles condicións de traballo deste colectivo e se calcule axeitadamente o coeficiente redutor para que a cuantía das prexubilacións se vai acercando á da mariña mercante.
ANO E MEDIO POR CADA DEZ ANOS
O líder dos socialistas galegos acudiu ao Congreso dos Deputados para reunirse co Grupo Socialista pola tramitación da Lei de Pesca Sostible, xunto con representantes do sector pesqueiro e bateeiro, como son Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e tamén representante das mariscadoras ao ser presidenta da asociación Mulleres Salgadas, e Julián García, bateeiro da Illa de Arousa.
Gómez, quixo agradecer que se inclúa no incremento do coeficente redutor co que terá recoñecido 1 ano e medio de xubilación por cada 10 anos de traballo. Pola súa banda, Julián García, bateeiro dende hai 45 anos, destacou a “dureza do inverno” no seu traballo e as consecuencias para a saúde, polo que quixo agradecer este recoñecemento aos representantes socialistas.