O secretario xeral do PSdeG reprocha a Feijóo que poña a construción como solución cando houbo anos do seu mandato onde se fixeron só dúas vivendas públicas
Xunto coa candidata socialista á alcaldía, Alba Forno, visita Lalín como “paradigma” da rehabilitación da vivenda en España que está a facer o goberno
20 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou o modelo de vivenda do PSOE baseado na protección social, fronte ao “Boom do ladrillo” do PP que “quere traer de volta Feijóo”. Fíxoo nunha visita a Lalín que sinala como “concello paradigma” da “burbulla inmobiliaria” e da política de “rehabilitación” do goberno.
Da man da candidata socialista á alcaldía de Lalín, Alba Forno, visitou este xoves esta vila na que hai 148 inmobles da SAREB, que se verán afectados pola medida anunciada polo presidente Pedro Sánchez.
Sinalou Lalín como “concello paradigma” do “crecemento e posterior pinchazo” do sector da construción, xa que a SAREB ten na localidade un total de 148 bens. Quixo tamén reivindicar as políticas de vivenda do goberno socialista, que “aposta pola promoción pública, a rehabilitación e garantir o dereito da xente de a pé a ter acceso a un teito digno”.
As 50.000 desta sociedade, sumadas ás 43.000 cuxa construción se financiará dende o Estado, son 93.000 as vivendas de promoción pública que lanzará o executivo central en toda España. Un esforzo realizado a pesar de que corresponde ás comunidades autónomas teñen a competencia exclusiva neste ámbito, recordou socialista.
FEIJÓO: 20 VIVENDAS SOCIAIS EN CINCO ANOS
Logo das declaración de Núñez Feijóo onde dicía que para baixar o prezo da vivenda a única fórmula é construír máis, polo que Formoso acusouno querer volver ao modelo do “boom do ladrillo” que “acabou con Rato en prisión e a economía española intervida pola Unión Europea”.
Ademais, apuntou a certa hipocrisía nas palabras do ex presidente da Xunta, xa que apunta á construción de vivenda cando durante o seu mandato en Galicia reduciuna significativamente.
Formoso expuxo datos concretos, xa que no ano 2015 a Xunta construíu cinco vivendas públicas en Galicia, catro no 2016, cinco no 2017, dúas no 2018 e catro no 2019, un total de vinte en cinco anos. ao que engadiu que nese período tan só puxeron unha vivenda dispoñible para alugueiro social.
Para ter maior consciencia da magnitude dos datos, sinalou que en dous anos do mandato de Emilio Pérez Touriño na Xunta (2006 e 2007) foron construídas 7.241 vivendas na comunidade autónoma.
“POÑER FIN A INACCIÓN DO PP”
Pola súa banda, Alba Forno, destacou a importancia que ten o ámbito da vivenda para o seu concello que ten un 30% das mesmas baleiras. Criticou a inacción do PP durante todos estes anos, “nin Crespo nin Feijóo fixeron nada”, o que tivo como consecuencia a alza dos prezos e a falla de vivenda no mercado que afectan ao acceso da xente moza a domicilios a prezos accesibles.
Para loitar contra esta situación que “lastra” a economía local, a candidata trae consigo distintas medidas para “poñer fin á inacción do PP” e aliviar a situación dos colectivos afectados. Entre elas nomeou a creación dunha bolsa municipal de vivenda social, colaboración coas inmobiliarias, programas de asesoramento para xente moza interesada en vivenda en alugueiro e axudas para a rehabilitación de inmobles.
ALBA FORNO E VALENTÍN FORMOSO VISITAN ZOBRA
A candidata á Alcaldía, Alba Forno, e o secretario xeral do PSdeG finalizaron a tarde na parroquia lalinense de Zobra, nun encontro veciñal no que tiveron a oportunidade de coñecer, de primeira man, todas as súas necesidades. “Temos nada máis nin nada menos que 52 parroquias en Lalín, pero se hai algunha con personalidade propia é Zobra, no pleno corazón da Serra do Candán”, indicou Forno.
Dende o grupo socialista lembraron que sempre estiveron dispostos a poñer en riba da mesa os problemas que sofren os veciños e veciñas de Zobra e por iso “levamos en numerosas ocasións as melloras que nos foron solicitando nestes anos”, así mesmo indicou que “coa chegada do PP outra vez ao goberno paralizáronse varios proxectos para esta aldea que volveremos poñer en marcha en canto entremos á Alcaldía, o 28 de maio coma o Plan Candán”.
Formoso e Forno falaron das enerxías renovables, en concreto da eólica, na que se mostraron sempre a carón da veciñanza, e tamén saíu a mobilidade e o transporte rural, que tan demandado era en parroquias coma a de Zobra e que hai que impulsar con medidas máis serias e efectivas, que permitan conectar á xente do rural co casco urbano, coma co Plan 360 que presentou recentemente o PSOE de Lalín.
Estiveron acompañados de diversos membros da candidatura local, de representantes do PSdeG, como os deputados autonómicos, Julio Torrado e Carmen Rodríguez Dacosta, e a portavoz da CENG, María Pierres.