O líder dos socialistas galegos acompaña ao candidato socialista á alcaldía de Santiago no tradicional paseo polas casetas da Ascensión
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou a “solvencia personificada” no alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, fronte ás “outras experiencias” malogradas na cidade. O responsable socialista e o candidato á reelección visitaron as tradicionais casetas montadas nas Festas da Ascensión, que coincidiu no ecuador da campaña electoral.
Formoso defendeu a solidez do proxecto de Bugallo fronte á “amalgama de proxectos nacionalistas que segregan”, ás que “respectamos” pero que “non poden liderar o proxecto de cidade”. Logo da alusión ao anterior goberno, sinalou o “espectáculo” do PP á fronte da cidade, que rematou con “toda a corporación imputada e dimitida”, sometendo á capital a unha “presión política indignante”.
O líder do socialistas galegos defendeu “a figura dun grande do socialismo e de Compostela” como é Xosé Sánchez Bugallo, que constitúe “unha referencia” para a cidade dende os seus comezos no equipo do alcalde Xerardo Estévez. Subliñou que Bugallo e o seu equipo “levan protagonizando tódolos cambios transformadores desta cidade” nos últimos anos.
Lembrou o seu papel protagonista na negociación do Estatuto de Capitalidade, o desenvolvemento do urbanismo sostible que dotou á cidade dos equipamentos que desprega toda Galicia. Unha capital de Galicia, dixo, que conta con polígonos industriais, oportunidades de traballo e centros de investigación referentes que foron “creados ao amparo de Bugallo”.
“Esta cidade necesita a Pepe Bugallo”, dixo antes de lembrar que foi quen negociou que Compostela fora sede do próximo cumio de ministros de Economía da UE para negociar o futuro do proxecto europeo.
Orgullosos de Santiago
O actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un relatorio de argumentos para “sentirnos orgullosos de Santiago”. Lembrou que é “a cidade que crea máis emprego de Galicia, a que ten máis investigación, máis desenvolvemento tecnolóxico punteiro en ámbitos como a biomedicina, e a que ten menos paro” da Comunidade Autónoma.
Pediu o apoio da cidadanía para “seguir construíndo sobre o xa construído” con novos proxectos de investigación, a implantación das novas tecnoloxías, novos proxectos de vivenda e “articulando e integrando o crecemento para configurar un novo Santiago”.