O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao BNG que “volva ao consenso das formacións políticas galegas e que teñamos claro de que sen unidade é imposible facerlle fronte a esta guerra iniciada por Putin”. Así o dixo aludindo á negativa do BNG a apoiar unha Declaración Institucional no Parlamento de condena á guerra e apoio ás institucións europeas e do goberno do Estado.
O responsable socialista sinalou que esta “unidade debe darse tamén no Parlamento de Galicia” e asegurou que “non entendemos a ausencia”, e o “veto” do BNG á proposta conxunta. Esta pretendía, explicou “dicirlle a Putin que pare a guerra e esixirlle que deixe de matar cidadáns” e de “violar o dereito internacional coa súa invasión sobre Ucraína”.
Reivindicou unidade para “apoiar ás institucións que están intentando resolver esta situación, que son as institucións europeas, e son tamén aquelas das que formamos parte como aliados a nivel de Europa”. Así o dixo logo de participar nunha concentración en solidariedade co pobo ucraíno, que demostrou o “espírito solidario” de Vigo “no momento máis crítico para as sociedades e as democracias logo da IIGM”.
O responsable socialista mantivo hoxe un encontro co alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, no que “falamos por riba de todo do que lle preocupa á xente: que o sistema aguante, que o seu posto de traballo siga a existir independentemente da pandemia, da guerra de Ucraína, da inflación ou da ausencia de materias primas”.
Incompatibilidade
Neste sentido, salientou a importancia fundamental do Perte do automóbil para a cidade de Vigo que afecta sinaladamente á fábrica de vehículos de Stellantis, que constitúe o “buque insignia do automóbil a nivel nacional”. Formoso lembrou que a defensa deste Perte amosará a “incompatibilidade” do presidente da Xunta mentres continúe no seu posto de ser designado presidente do PP a nivel nacional.
Explicou que o presidente da Xunta terá que entrar na competición entre os distintos territorios e gobernos autonómicos polo dito Perte, “tamén nas cidades onde están instaladas as fábricas de automóbiles”. Salientou que “o goberno do Estado ten que detectar cales son os verdadeiros tractores, como o caso de Vigo, dun sector que supón máis de 300.000 postos de traballo en todo o Estado.
Tamén sinalou a importancia do Perte do naval de Vigo e de trasladarlle ao Estado a cualidade estratéxica da cidade como principal referente do naval civil logo do peche dos estaleiros do norte de España. Apuntou as boas novas no concurso do estaleiro de Barreras, que vén de recibir “ofertas esperanzadoras por licitadores de peso, solventes”, e emprazou a “ter en conta as necesidades investidoras e apostar pola viabilidade futura da planta e a continuidade da plantilla”.
Referente
Formoso mantivo un encontro con Abel Caballero, a quen definiu como “referencia municipal no ámbito galego e nacional”, tanto como responsable dun modelo de cidade “ao que aspiramos tamén en Galicia”, e como “alcalde de alcaldes”. Dende a súa presidencia da Femp, dixo, foi quen de mobilizar os remanentes bloqueados nos concellos que serviron para iniciar proxectos sociais e infraestruturas en todo o Estado.
Sinalou que “formamos parte dunha formación política de ideoloxía socialdemócrata da que estamos especialmente orgullosos”. Mentres, Caballero salientou as “moitas concomitancias, moito o que nos une e nos fai sentir de forma colectiva unha forma de facer política”.
Engadiu que o “modelo de desenvolvemento político, económico e social nesta cidade transcente ao PSOE e a Abel Caballero, e se encadra nun modelo de cidade”. Salientou a importancia vital dos Pertes eléctrico e do Naval para a cidade, así como a estar presentes na nova convocatoria de fondos da UE a través do Ministerio de Transportes e Turismo.
Finalmente, salientou o encontro co responsable da embaixada de Ucraína en España e os ministerios de Exteriores e Política Social para poñer en marcha a rede de acollida de refuxiados ucraínos, para a que “temos o apoio de tódalas forzas políticas”.