O líder dos socialistas galegos pídelle ao goberno galego que empregue parte dos 550 millóns de euros que recibe polo imposto de hidrocarburos para complementar o plan de axudas do Executivo central
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dirixiuse hoxe dende Lugo ao goberno galego para reclamarlle que empregue os recursos propios para apoiar aos sectores máis afectados pola suba dos combustibles, como son o transporte, a pesca e o sector agrogandeiro. Subliñou que se trata de sectores estratéxicos entre os máis afectados pola alza dos combustibles.
Formoso lembrou que Galicia está a recibir o 58 por cento do que se recada polo imposto de hidrocarburos o que supón uns ingresos 550 millóns de euros polo combustible que consumen os galegos e galegas.
Pediulle ao goberno galego que empregue parte destes ingresos para habilitar unha liña de axudas complementaria ao plan que vén de anunciar o presidente do goberno. Lembrou que Galicia “ten capacidade económica para habilitar unha liña de axudas que permita ás familias galegas levar con máis facilidade a alza de prezos do combustible”.
O responsable socialista instou así ao Executivo autonómico que faga uso das súas competencias e os recursos dos que dispón para facer máis que poñer parches como ata agora, e que habilite un auténtico plan de choque para paliar as consecuencias económicas da guerra de Ucraína.
Sinaloulle neste sentido ao goberno galego que tome exemplo das administracións gobernadas polos socialistas galegos, como o caso das deputacións provinciais, que teñen demostrado que é posible habilitar estas axudas logo de escoitar as necesidades dos sectores que peor o están pasando.
Emprazou ao presidente da Xunta a deixar de criticar as medidas do goberno incluso antes de coñecelas, e poñerse mans á obra para axudar aos galegos e galegas. Apelou ao segundo plan de medidas contra a crise, anunciado onte por Pedro Sánchez, que suma 15.000 millóns de euros e que habilitará un bono de 200 euros para 140.000 fogares galegos, e a suba do 15 por cento das pensións non contributivas para 37.000 galego e galegas, un total de 170.000 familias galegas que se verán beneficiadas por estas dúas medidas.
Lugo
Valentín González Formoso participou hoxe en Lugo no día que se cumpre o 350 aniversario do tradicional acto de entrega da ofrenda do Antigo Reino de Galicia, no que cualificou como un “día importante para unha cidade moi dinámica, esperta e con fame de futuro como é a cidade de Lugo”.